publicidade hoxe

Boiro e Jealsa despiden o exitoso III Campus Obradoiro CAB – Barbanza

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBoiroDeportesSantiago de Compostela
A-
A+
Clausura do campus

Clausura do campus

O Rio Natura Monbus Obradoiro e a Fundación Heracles deron por clausurado o III Campus Obradoiro CAB – Barbanza, celebrado en Boiro co apoio principal do propio Concello e da conserveira local Jealsa.

Tras cinco días cargados de actividades, visitas e sorpresas, o alcalde de Boiro, Juan José Dieste, e Margarita Hermo, directora de relacións institucionais de Jealsa, foron os encargados de entregar os diplomas acreditativos ao máis de medio centenar de participantes.

Os dous MVP do campus tamén levaron un premio moi especial: Mark Jarram, adestrador dos Leicester Riders presente na actividade, foi o encargado de entregarlles senllas bolsas de aloxamento, dietas e matrícula para o campus celebrado en Leicester polo seu equipo, o máis antigo de Gran Bretaña, durante o mes de agosto. 

A actividade, organizada este ano coa colaboración da Fundación Heracles, deu un paso máis na súa consolidación e calidade, recibindo nesta edición as visitas da xogadora de Liga Feminina 1, Arantxa Mallou, o xogador de Liga Endesa, Pepe Pozas, e o adestrador axudante do Rio Natura Monbus Obradoiro, Víctor Pérez. Nesta ocasión, a dirección correu a cargo de Pablo Vázquez, e a dirección técnica, de Dan Petts. A cita contou, do mesmo xeito, con adestradores de primeiro nivel de Galicia, como José Ángel Rivera, Camilo Riveiro, Luís Forés, Analén González, Adrián Sueiras e Borja Cutrín. 

Ademais dos xogos e exercicios de tecnificación, os participantes puideron gozar de xornadas de praia, clases integradas de inglés técnico grazas á presenza dos ingleses Dan Petts e Mark Jarram e mesmo unha noite durmindo no pavillón. 

Para a súa realización foron indispensables tamén as colaboracións de Jim Sports, Vive, Unika, Gadis, Cabreiroá, Soom Management, Cenor e C.B. Santa Baia.

2 de xullo de 2015 | 19:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.