publicidade hoxe

Benestar retomará o proxecto para dotar dun centro de maiores a Vilamarín

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilamarín
A-
A+
Beatriz Mato na reunión co alcalde de Vilamarín

Beatriz Mato na reunión co alcalde de Vilamarín

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, mantivo hoxe en Santiago unha xuntanza co alcalde de Vilamarín, Amador Vázquez, para abordar diversos temas de interese social para a localidade. En concreto, a titular do departamento autonómico comprometeuse no encontro a retomar e actualizar o proxecto do centro de maiores o próximo ano. De feito, Mato anunciou que os orzamentos de 2016 incluirán unha partida plurianual para o inicio das obras.

Será un centro destinado á promoción da autonomía persoal, xa que a titular de Benestar destacou que este tipo de servizos poderán ofertarse a través da carteira de servizos para autónomos que forma parte do novo modelo de atención que está a desenvolver a Xunta no eido dos servizos sociais. Con esta modificación, estase a pasar do actual modelo, que acredita os propios centros, a un no que se acreditan os distintos servizos que pode prestar unha determinada instalación. Deste modo, poderán beneficiarse de determinados servizos non só os usuarios dos centros, senón tamén os potenciais demandantes deste recurso en concreto que habiten no contorno.

Mato destacou a importancia de poñer a disposición das persoas maiores servizos de calidade e, deste xeito, indicou que a posta en marcha de prazas públicas para este colectivo é unha das prioridades da Xunta, lembrando que Galicia é a segunda autonomía de todo o Estado con maior porcentaxe de servizos profesionais.

17 de xullo de 2015 | 18:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.