publicidade hoxe

Benestar financiará o equipamento do punto de atención á infancia en Tordoia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTordoia
A-
A+
Beatriz Mato na reunión co alcalde de Tordoia. Foto: X. Crespo

Beatriz Mato na reunión co alcalde de Tordoia. Foto: X. Crespo

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, e o alcalde de Tordoia (A Coruña), Antonio Pereiro, asinaron hoxe un convenio de colaboración para a posta en marcha dun punto de atención á infancia para nenos e nenas de 0-3 anos nesta localidade. O orzamento ascenderá ata os 20.000 euros, dos que o departamento autonómico aportará un total de 15.000 para o equipamento.

Pola súa banda, o concello comprométese a poñer a infraestrutura en funcionamento ao longo do curso escolar 2015/2016, así como a mantelo aberto durante un mínimo de cinco anos, sufragando ao gastos da posta en marcha e funcionamento ao longo da vida útil da infraestrutura.

Esta actuación busca fundamentalmente reforzar e complementar a aposta do Goberno galego pola conciliación da vida familiar e laboral das familias galegas, así como pola dinamización demográfica. O Goberno galego ten incrementado nun 70% as prazas en escolas infantís da rede A Galiña Azul nos últimos cinco anos, un total de 3.800 ata chegar as 9.300, e seguirá a crear novas prazas públicas de 0-3 anos. Proba disto é que na actualidade están en marcha 14 novas escolas en distintas fases de construción, que se sumarán ás 159 xa existentes. A oferta total de prazas sostidas con fondos públicos de 0-3 anos suman máis de 20.400 (escolas da Xunta, municipais, de iniciativa social e cheque infantil).

A estas prazas hai que engadir as preto de 500 que a Xunta porá a disposición das familias galegas no próximo curso escolar 2015-2016, financiadas con fondos da Administración autonómica a través do sistema de concerto. Para levar a cabo esta medida, o Goberno galego convocou por primeira vez un concurso público ao que destinou 6,5 millóns de euros, que permitirán prorrogar este convenio ata 2018. Para o primeiro curso prevese unha contía de 1,9 millóns de euros.

17 de xullo de 2015 | 17:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.