Benestar destina uns 5,7 millóns de euros ao mantemento de máis de 500 prazas para persoas con discapacidade en Vigo
A secretaria xeral de Política Social, Coro Piñeiro, percorreu hoxe diversos centros de discapacidade de Vigo para pulsar a súa realidade cunha perspectiva global que permita posteriores actuacións, se fose necesario. En concreto, mantivo un encontro cos directores, traballadores e cos usuarios dos centros ocupacionais de Igualarte e de Aspanaex.
A secretaria xeral está a realizar unha rolda de visitas aos centros residenciais públicos de Galicia co obxectivo de analizar de cerca as necesidades e as inquietudes vencelladas aos mesmos, tanto no plano material, como persoal, ou de recursos humanos.
A dependencia é unha prioridade para o Goberno galego. En concreto, na provincia de Pontevedra existen preto de 1.600 para persoas con discapacidade, o que supón un 1,8% máis que en 2009. Á cidade de Vigo, a Consellería de Traballo e Benestar destina máis de 5,7 millóns de euros para o mantemento anual de máis de 500 prazas de discapacidade.
Ademais, o Goberno galego incrementou o orzamento global da discapacidade en 2015 por segundo ano consecutivo, alcanzando en global a cifra de 100 millóns de euros. Isto supón un crecemento de preto do 9 por cento nos dos últimos anos. só en 2015 incrementou nun 2 por cento o orzamento dos programas de emprego para as persoas con discapacidade ata preto dos 18 millóns de euros. Aproximadamente, a metade está destinado aos centros especiais de emprego e permite subvencionar o posto laboral dos 2.000 traballadores e traballadoras con discapacidade.











