Belén do Campo reúnese co novo presidente da asociación provincial de empresarios da construción

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+
Belén do Campo na reunión con Diego Vázquez

Belén do Campo na reunión con Diego Vázquez

A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, mantivo esta mañá un primeiro encontro de traballo co novo presidente da Asociación Provincial de Empresarios da Construción da Coruña (Apecco), Diego Vázquez Reino, e con varios representantes da entidade, na que analizaron os principais proxectos que están a levar a cabo e a situación na que se atopa o sector.

Este é o primeiro encontro coa nova xunta directiva da asociación desde a súa renovación o pasado mes de xuño. Ambas partes mostraron o seu interese por seguir mantendo o clima de colaboración que se veu dando ata o de agora. Deste xeito, a máxima representante da Xunta na provincia trasladoulle ao representante de Apecco “todo o diálogo e cooperación do Goberno autonómico”.

A delegada territorial fixo tamén fincapé na importancia de concentrar esforzos para abordar os retos futuros “xa que estamos a falar de empresas que teñen moito que dicir no patrón de crecemento que entre todos estamos a impulsar, pois constitúen un motor de dinamismo económico e de xeración de emprego”.

A Asociación Provincial de Empresarios da Construción da Coruña é unha entidade creada en 1977 e integrada polas principais empresas da construción de Galicia e que engloba a a outras de actividades afíns, como a pintura, materiais de construción, sinalización ou maquinaria. O obxectivo de Apecco é a procura do desenvolvemento e a mellora do sector en todos os seus ámbitos mediante a negociación dos convenios colectivos provinciais no eido da construción e a pintura.

30 de xullo de 2015 | 16:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.