Belén do Campo expresa o compromiso da Xunta coa labor da Fegerec
A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, mantivo unha xuntanza esta mañá coa directora da Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas (Fegerec), Carmen López, para coñecer de primeira man a labor da entidade e as súas necesidades actuais.
A representante autonómica trasladou á representante da asociación o apoio do Goberno galego á súa labor e recoñeceu o grande esforzo feito polos familiares destes pacientes e polos profesionais das asociacións nas que se integran, “cos que é necesario traballar”. Neste senso, Do Campo, recordou que desde hai varios anos, a Xunta colabora coa entidade a través das consellerías de Traballo e Benestar e Sanidade mediante plans de cooperación, programas asistenciais e a concesión de subvencións para a realización de actividades e a posta en marcha de medidas de atención a doentes.
Esta federación é a única de ámbito autonómico galego dedicada especificamente a persoas que padecen estas doenzas. Constituída en 2009, Fegerec está integrada pola Asociación Galega de Esclerose Lateral Amiotrófica, a Asociación Galega de Ataxia, a Asociación Galega de Fibrose Quística, a Asociación Galega de Lupus, a Asociación Coruñesa de Esclerose Múltiple, a Asociación Galega de Afectados de Retinose Pigmentaria, a Asociación Galega de Linfedema e a Delegación Galega da Asociación Nacional de Amigos de Arnold-Chiari.











