Beatriz Sestayo reúnese co presidente da Deputación para abordar temas de interese da localidade

Sestayo na reunión co presidente da Deputación
A primeira tenente de Alcalde e concelleira de Benestar Social, Muller e Festas de Ferrol, a socialista Beatriz Sestayo, mantivo este luns unha reunión co presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, nunha primeira toma de contacto na que se abordaron temas de interese para a cidade.
Na reunión, Beatriz Sestayo e Valentín González Formoso coincidiron na necesidade de dinamizar socio-económicamente Ferrol e de impulsar o emprego e a promoción económica, para o que se comprometeu o apoio da Deputación da Coruña.
Así mesmo, Beatriz Sestayo, como concelleira de Muller, explicoulle a González Formoso a súa intención de desenvolver en Ferrol un Plan de emprego feminino, para o que lle gustaría poder contar co respaldo da Deputación. Segundo os últimos datos do paro rexistrado en Ferrol, o número de mulleres sen traballo ascende a 3.884, unha cifra superior a de homes desempregados na cidade.
Nesta primeira toma de contacto, tamén se puxeron sobre a mesa outros temas de interese da cidade, como a posible mellora de infraestructuras e, en especial, de instalacións deportivas.
Tras esta reunión os dous representantes políticos avanzaron que os contactos entre ámbalas dúas administracións serán constantes e fluídos.











