Bea Mateos renova polo Burela

Renovación de Bea Mateos
Bea Mateos renova unha tempada máis co CD Burela FS Pescados Rubén tras asinar un acordo que “foi moi rápido xa que a miña prioridade era quedarme en Burela” manifestou a xogadora salmantina que estivo acompañada do Manuel Blanco e Rubén Blanco, presidente e tesoureiro do club respectivamente. Con esta renovación Bea Mateos cumprirá a súa terceira tempada no club mariñán, tempada na que espera “regresar á miña mellor versión xa que entre os altibaixos do equipo e a miña lesión non puiden ofrecer o rendemento do meu primeiro ano en Burela”.
Respecto da tempada finalizada comentou que “foi moi difícil porque non mostramos a regularidade necesaria. En Liga despedímonos moi pronto das opcións reais polo título e a traxectoria era descendente aínda que na recta final logramos endereitar o rumbo para clasificarnos para a Copa e disputar unha final na que demos a cara” . O subcampeonato da Copa de España “deixounos mellores sensacións aínda que non podemos dicir que estabamos contentas”. Na nova tempada Bea Mateos está convencida de que “teremos un equipo competitivo. O Burela Pescados Rubén sempre mostrou esa filosofía e volveremos competir polos títulos. A nosa ilusión en darlle á afección moitas alegrías, meréceno con fartura”. O presidente do club, Manuel Blanco, celebrou a continuidade de Bea Mateos xa que “é unha xogadora de calidade contrastada e que achega moitas cousas ao equipo. O interese para chegar a un acordo de renovación era mutuo polo que foi sinxelo formalizalo. Desexamos que Bea Mateos siga contribuíndo co seu esforzo e compromiso aos obxectivos do equipo”.











