Autocares Presas deixará de facer paradas en zonas non autorizadas das rúas de Lalín
A empresa de transportes, Autocares Presas, indicou, tras chegar a un acordo co Concello, que deixará de realizar paradas nalgunhas zonas que non tiña autorizadas. A resolución chega tras producirse queixas por parte dos taxistas de Lalín, que se vían prexudicados polos estacionamentos irregulares.
Así, a parada que Presas facía xunto ao Hotel Palacio, deixará de realizarse para trasladarse a carón da estatua de Joaquín Loriga, lugar que a empresa si ten adxudicado. Outro dos estacionamentos que causaba malestar era o que se facía supostamente xunto ao Bar Ramos que, non obstante, a empresa asegura que non se levaba a cabo dende hai tempo. Así mesmo, tampouco se realizará a parada que tiña lugar xunto a oficina de Correos. Deste xeito, Presas só realizará estacionamentos fronte ao Bar Silencio, na estación de buses e na estatua de Joaquín Loriga, aínda que a intención é retirar nun futuro tamén o estacionamento do bar Silencio.
Dende o Concello resáltase que a empresa de autocares tivo dende o primeiro momento a mellor das disposicións para acadar os acordos e valórase moito o seu servizo de transporte, que serve para manter unidas varias zonas rurais de Lalín co casco urbano.











