Ata 15 carreiras populares en Galicia contaron coa presenza da Sociedade Ximnástica

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesPontevedra
A-
A+

A proliferación de carreiras populares nos últimos anos creceu dunha maneira exponencial e para mostra o ocorrido o último fin de semana coa disputa de 15 competicións na xeografía galega, case todo un record. Algúns dos atletas da Sociedade Ximnástica, xa que a maioría deles atópanse inmersos nas competicións en pista, acudiron a varias delas, con algúns resultados importantes.

En Melide disputouse outra edición do Medio Maratón Melide-Palas de Rei, con máis de medio milleiro de corredores e que contou coa presenza de Joselyn Brea, que se impuxo na categoría feminina cunha hora e 27 minutos.

Ata Ourense desprazouse Eva Iglesias, que está a gozar do Circuíto de carreiras populares, Correndo por Ourense xa que nesta ocasión tocaba a Carreira do Corpus, onde estivo a un tris de subir ao podio cun cuarto posto na liña de meta.

Por último, aquí á beira de Pontevedra, en Redondela, celebrouse a oitava edición da súa carreira popular, onde o atleta da Ximnástica, Fran Iglesias acabou en quinto lugar.

Outro record galego para a Sociedade Ximnástica

No pasado Trofeo Sociedade Ximnástica de atletismo en pista, asistimos a un novo record galego que baten os atletas da Sociedade Ximnástica. Nesta ocasión na proba da substitución curta, concretamente o 4×100 júnior.

Jon Alonso, Darío Costas, Alfonso Pérez Dávila e Ángel Vargas; fixérono moi ben niso de pasarse rapidamente a “testemuña” entre eles e asinaron en meta 43 segundo con 33 centésimas; para establecer unha nova plusmarca galega Sub20. Ademais nunha disciplina na que adoita ser a selección galega a que domina os rankings, xa que xuntan cada ano aos mellores velocistas de Galicia, independentemente do Club onde militen.

Pero este ano a Ximnástica xuntou un bo ramallete de velocistas, Darío Costas, que ese mesmo día correu en 10.84 o hectómetro, Jon Alonso que tivo unha fantástica progresión nos últimos meses e correu en 11.28, tamén ese mesmo día; Ángel Vargas que xa está en 11.38 e Alfonso Pérez Dávila, que aínda que correu este ano en 11.44, do mesmo xeito que Anxo, é especialista na velocidade prolongada, os 400 metros.

1 de xullo de 2015 | 17:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.