As travesías en Galeón por Vilagarcía regresan na segunda quincena de agosto

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

As travesías en galeón son xa un atractivo fixo na axenda turística estival de Vilagarcía. A actividade enmarcada no programa de educación medioambiental e etnográfica organizada pola Concellería de Medio Ambiente que dirixe Lino Mouriño, regresa na segunda quincena do mes de agosto. Durante as dúas fins de semana haberá saídas do galeón “Illa de Cortegada” dende o peirao de Carril. A participación é de balde e as prazas adxudicaranse por sorteo entre as persoas que se inscriban entre o 3 e o 11 de xullo.

As travesías en galeón son froito da colaboración que manteñen dende hai anos o Concello de Vilagarcía e a asociación Rompetimóns e que comezou coa concesión dunha subvención por parte da administración local para que o colectivo puidese recuperar esta embarcación tradicional. A Xunta Local de Goberno do Concello aprobou onte o convenio entre as dúas entidades a efectos de poñer en marcha unha nova edición do programa.

Poderán gozar da experiencia 144 persoas

As rutas realizaranse as fins de semana do 22 e 23 de agosto e do 29 e 30 do mesmo mes. Haberá catro saídas ao día, dúas pola mañá e outras dúas pola tarde e o aforo do galéon é de 9 pasaxeiros por travesía. As persoas interesadas en participar deberán solicitalo por escrito no Concello do 3 ao 11 de agosto. Non se aceptarán solicitudes tramitadas antes ou despois destas datas. En casa solicitude poderán inscribirse ata 4 persoas como máximo. O formulario pendurarase na web municipal a partir do 1 de agosto.

Este é o segundo ano que o Concello opta polo sistema da adxudicación de prazas por sorteo a efectos de garantir a igualdade de oportunidade entre todas as persoas que desexen gozar desta experiencia. A casa solicitude adxudicaráselle un número co que participará no sorteo a realizar a través dun programa informático. A Concellería de Medio Ambiente irá cubrindo as prazas dispoñibles por orde do sorteo e informará aos interesados. De producirse vacantes , recorrerase á lista de agarda tanmén en función da orde resultante do sorteo.

Diversión, natureza e etnografía

Con este programa de travesías en galeón, o Concello pretende ampliar a oferta lúdica e turística, dar a coñecer o Parque Nacional das Illas Atlánticas, con especial atención á Illa de Cortegada, e promocionar unha parte da etnografía local ofrecendo a posibilidade de que a xente goce da experiencia de navegar nun tipo de embarcación tradicional moi común na Ría hai décadas.

21 de xullo de 2015 | 19:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.