publicidade hoxe

As obras que permitirán o traslado da Oficina de Emprego ao Fórum estarán listas este ano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballo
A-
A+
Beatriz Mato na reunión co alcalde de Carballo. Foto: M. Fuentes

Beatriz Mato na reunión co alcalde de Carballo. Foto: M. Fuentes

A Consellería de Traballo e Benestar está realizando os trámites necesarios para acondicionar o Fórum e poder efectuar o traslado da Oficina de Emprego de Carballo á nave 2 das instalacións, cumprindo así co acordo asinado o 18 de novembro de 2013 entre a Xunta e o Concello. Así o avanzou a titular deste departamento, Beatriz Mato, nunha entrevista celebrada hoxe co Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero. Mato afirma que xa está iniciado o procedemento de adxudicación do contrato de obras e a previsión é que os traballos estean rematados neste mesmo exercicio.

Segundo o acordo, o Concello realiza unha cesión demanial á Xunta por vinte e cinco anos dunha superficie de 890 metros cadrados na planta baixa e no primeiro andar da Nave 2. Ademais, tamén se permite a utilización dos diversos espazos comúns para o desenvolvemento de diversas actividades como actos, exposicións, obradoiros, etc. O uso será de balde para a administración autonómica, que tan só deberá achegar os gastos derivados de limpeza e mantemento das instalacións. Beatriz Mato tamén se comprometeu a visitar o Fórum no próximo mes de setembro, cando está previsto que xa estean iniciadas as obras de acondicionamento. Poderá así ver o espazo das novas oficinas, así como os talleres das distintas naves, que aínda non tivo a oportunidade de coñecer. Ferrero quixo lembrar tamén durante a xuntanza que Carballo é un dos concellos de Galicia que conta con máis homologacións para a realización de talleres, e brindoulle a colaboración da administración local para que o Fórum acolla no futuro o maior número posible de accións formativas.

Durante a reunión tamén estiveron presentes a Directora Xeral de Emprego, Ana Díaz, e o Xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Roberto Rodríguez Martínez. O Alcalde aproveitou a presenza deste último para formular os problemas de escolarización infantil que padece o Concello, que nestes momentos ten a 40 familias en listaxe de agarda para poder optar a algunha das prazas dispoñibles nas Escolas Infantís Municipais. Os responsables da Xunta comprometéronse a estudar a situación e a avaliar a posibilidade de ampliar o número de prazas públicas dispoñibles. Por último, abordouse a situación administrativa do Concello respecto do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, que vai a disolverse para converterse na Axencia Galega de Igualdade e Benestar, polo que será preciso asinar novos convenios con cada un dos concellos que pasen a formar parte do novo organismo.

A Xunta adquiriu o compromiso de condonarlle o 50 por cento da débeda a aquelas administración locais que non estivesen ao corrente cos pagos co Consorcio que está a piques de desaparecer, antes de integrarse na nova Axencia. Porén, Carballo, ao igual que outros municipios, mantense ao día no aboamento das súas cotas, polo que o Alcalde solicitou que ao Concello se lle compense esa cantidade a través de reducións nas cotas que deberán pagarse no futuro por pertencer á nova Axencia. Os responsables de Traballo e Benestar amosáronse de acordo en adoptar esta medida para que Carballo non resulte prexudicado.

28 de xullo de 2015 | 17:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.