As obras de mellora no Paseo Pontiñas finalizarán antes de setembro

Alcalde de Lalín na visita ao Pontiñas
Os técnicos municipais e os encargados da execución da obra de mellora na senda peonil do Paseo do Pontiñas, anunciaron esta tarde, coincidindo coa visita aos traballos do alcalde, Rafael Cuíña, e do tenente alcalde, Nicolás González Casares, que as tarefas “rematarán antes do 1 de setembro”. A obra de mellora consiste basicamente na reposición do firme nalgunhas zonas e no amaño de treitos de valado de madeira en mal estado.
Cuíña e Casares tamén decidiron eliminar unha das pontes de madeira que cruza o cauce do Pontiñas metros arriba da Avenida Xosé Cuíña, debido ao seu pésimo estado de conservación. Así, os máis de 4.000 euros que se destinarían ao amaño de dita ponte, serán asignados a outras actuacións máis prioritarias. De todos os xeitos, a empresa adxudicataria gardará os materiais destinados á rehabilitación da pasarela, para que cando sexa posible orzamentariamente, se poida facer unha ponte nova do lugar.
Por outra parte, Cuíña dixo sentirse “triste” polo estado de “deterioro” que presenta “o pulmón verde da vila, que tanto utilizan os lalinenses” e anunciou que en vindeiras partidas orzamentarias “será preciso dedicar cantidades inxentes de diñeiro” para recuperar o sendeiro fluvial. Isto débese, segundo indicou o rexedor, “á absoluta desidia mostrada polo goberno anterior no coidado do Pontiñas, que fará que custe moito en cartos e en tempo rexeneralo”. Durante a visita, falouse da posible posta en marcha no futuro dun plan estratéxico de mantemento co que ter en boas condicións o paseo durante todo o ano.











