As dúas novas empresas que se instalarán no parque empresarial da Laracha terán unha bonificación do 95% no ICIO
No Concello da Laracha celebrouse hoxe o Pleno ordinario correspondente ao mes de xullo, unha sesión que estivo presidida polo tenente alcalde, José Ramón Martínez Barbeito. O alcalde, José Manuel López Varela, e o edil responsable da área de obras, Jesús Souto, escusaron a súa ausencia debido a que hoxe mantiveron unha reunión de traballo en Santiago de Compostela con Lucía Molares, Directora xeral de SEPES, organismo do que depende SEA, a empresa pública promotora e propietaria do parque empresarial da Laracha.
Precisamente tamén se tratou no Pleno unha cuestión que afecta ao desenvolvemento industrial do municipio, xa que os catro grupos aprobaron por unanimidade a declaración de especial interese polo fomento de emprego a construción de dúas novas naves no parque empresarial, sendo unha delas promovida por unha empresa de alimentación e, a outra, por unha sociedade relacionada co sector da automoción.
Por tanto, ambas terán unha bonificación do 95% no imposto de construcións, instalacións e obras (ICIO), tal e como se contempla na ordenanza fiscal municipal número 17.
Conta xeral
Aprobouse a conta xeral do exercicio económico 2014 cos votos a favor do grupo de goberno (PP) e do PSOE, absténdose o edil de Terra Galega (grupo mixto) e posicionándose en contra o grupo do BNG.
José Ramón Martínez Barbeito apuntou que o orzamento inicial se situaba en torno aos sete millóns de euros e que a conta se pecha en preto de oito millóns, o que supón un incremento de preto dun quince por cento. “Os orzamentos son un documento vivo que fai posible que se poidan executar os programas. A xestión demóstrase con feitos e as excelentes magnitudes da conta xeral reflicten a boa labor económica deste goberno municipal”, concluíu Martínez Barbeito.
Festivos locais 2016
Por unanimidade foron fixados como festivos locais do próximo ano 2016 o martes de Entroido (9 de febreiro) e o Día dos Milagres de Caión (8 de setembro). Trátase das datas habituais no Concello da Laracha.
Exencións no imposto de vehículos de tracción mecánica
Outra cuestión que contou co voto favorable de todos os grupos foi a proposta do grupo de goberno de modificar a ordenanza fiscal municipal número 16 reguladora do imposto de vehículos de tracción mecánica. O cambio na redacción da normativa implicará que queden exentas deste gravame municipal as persoas que sexan pensionistas da Seguridade Social e teñan recoñecida unha pensión de incapacidade permanente no grao de total, absoluta ou gran invalidez, e tamén as persoas pensionistas de clases pasivas que teñan recoñecida unha pensión de xubilación ou de retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade.
Estes colectivos sumaranse na exención do imposto de vehículos ás persoas que teñen recoñecida unha discapacidade igual ou superior ao 33%, os que ata agora eran os únicos beneficiarios que contemplaba a citada ordenanza fiscal.
Modificación inventario de camiños
De acordo aos informes técnicos municipais, o grupo de goberno votou a favor de aceptar dous recursos presentados ao inventario de camiños municipais e realizar no documento as oportunas e correspondentes modificacións. Os tres grupos da oposición abstivéronse neste punto da orde de día.
Dacións de conta
Salientar, por último, que o secretario da Corporación deu conta ao Pleno dos decretos da alcaldía do último mes e medio, así como do informe de tesourería e intervención sobre pagamento aos provedores correspondente ao segundo trimestre do ano 2015. Este último documento pode consultarse na sección “servizos económicos” da web municipal (www.alaracha.es).











