As brigadas municipais da Laracha realizan a limpeza da vexetación a carón do sendeiro azul de Caión

Tarefas de limpeza
As brigadas municipais de conservación e mantemento dos entornos medioambientais están a realizar unha ampla e completa actuación de desbroce e limpeza de vexetación nos terreos públicos situados a carón do paseo marítimo de Caión, nunha lonxitude de mil cincocentos metros lineais desde o inicio na praza Eduardo Vila Fano e ata o coñecido como arroio Figueirido.
O alcalde, José Manuel López Varela, e o tenente alcalde, José Ramón Martínez Barbeito, interesáronse hoxe polo desenvolvemento destas labores dirixidas a acondicionar estes ámbitos públicos -que alcanzan os 40.000 metros cadrados de superficie- e, así, facilitar a visibilidade desde a propia senda peonil, que neste ano repite o distintivo de sendeiro azul outorgado pola Asociación De Educación Ambiental y del Consumidor (ADEAC), sendo o único existente na Costa da Morte.
A principios do mes de xuño o Concello da Laracha instalou no paseo marítimo de Caión unha serie de paneis informativos nos que se pon de manifesto a riqueza medioambiental existente na zona. Os traballos que están a desenvolver as brigadas municipais tamén permitirán percibir con maior facilidade a biodiversidade de especies animais e vexetais existente na zona.
Parque empresarial
Por outra banda, o Concello da Laracha está a realizar as labores referidas á eliminación da materia vexetal que foi crecendo en determinados puntos das rúas e beirarrúas do ámbito do parque empresarial, dado que a limpeza, mantemento e conservación en óptimo estado das infraestruturas viarias é competencia municipal.
Tamén operarios do Concello realizaron as correspondentes labores de desbroce e retirada da maleza na totalidade das áreas verdes do ámbito do parque empresarial, así como nas parcelas que son de titularidade municipal.











