publicidade hoxe

Arranca en Monterrei o programa de Turismo de Galicia ‘Vive o Castelo’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMonterrei
A-
A+
Inauguración da xornada Vive o Castelo

Inauguración da xornada Vive o Castelo

Esta tarde deu comezo na fortaleza de Monterrei o programa ‘Vive o Castelo’ que, promovido por Turismo de Galicia, ten como obxectivo dinamizar a contorna do castelo e ampliar a oferta turística deste territorio.

O programa lúdico-cultural arrancou ás 19,00 horas cunha mesa redonda centrada no desenvolvemento histórico, arquitectónico e cultural desta fortaleza, unha das mais nobres de Galicia.

Baixo o título ‘Monterrei ao longo dos séculos’, o encontro desvelou as fondas relacións establecidas entre Monterrei –o castelo, o condado, a vila e a terra- e a historia de Galicia.

Na dita mesa interviñeron o doutor en Historia e profesor de Investigación do CSIC, Eduardo Pardo de Guevara, o presidente da Asociación de Amigos do Camiño, Eligio Rivas, o cóengo arquiveiro da Catedral de Ourense, Miguel Ángel González García, e unha representante do estudo de arquitectura que levou a cabo a obra de rehabilitación do castelo.

A primeira xornada desta programación continuou cunha visita guiada teatralizada á fortaleza e a actuación musical de Talabarte, un grupo que reúne a tres músicos indispensables dentro da escena musical galega e que presentou os temas do seu próximo disco Ao Son da Cociña. Music and Food Experience, unha viaxe a través das músicas populares de Galicia e doutras latitudes.

Durante o mesmo, o público ademais de escoitar o concerto tivo a oportunidade de degustar petiscos con maridaxe nun showcooking a cargo do chef Xián Herrera.

Próximas actividades

O programa continuará con outras oito visitas guiadas e teatralizadas que terán lugar cada xoves ata o 20 de agosto e daranlle á cidadanía a oportunidade de visitar tanto o conxunto histórico como os espazos exteriores tal e como corresponde pola súa condicións de ben de interese cultural e público.

Estas visitas estarán acompañadas doutras actividades como a celebración da ‘Gala de Circo no Castelo’, o xoves 30 de xullo; as actuacións de Emilio Rúa, Uxía e Narf, o xoves 6 de agosto; ‘Un Castelo de Conto’, unha xornada máxica que terá lugar o xoves 13 de agosto na que as persoas que visiten a fortaleza poderán descubrir os seus recantos a través dos contos e da música de Os Quinquilláns, Daboapipa e Paco Nogueiras; e as actuación de Guadi Galego e Guezos, o xoves 20 de agosto.

‘Vive o Castelo’

O castelo de Monterrei, un dos sitios históricos máis destacados de Galicia, conforma o marco monumental que recolle a memoria da Casa de Monterrei dende a Idade Media ata os tempos napoleónicos, pasando pola época dos Reis Católicos –monarcas que nomearon a don Sancho Sánchez de Ulloa e Monterroso primeiro conde de Monterrei– e a Idade Moderna, con mestura de episodios bélicos e abraiante vida cultural.

Atalaia da historia de Galicia, o castelo dos condes de Monterrei foi escenario privilexiado polo que pasaron grandes persoeiros e no que aconteceron sucesos de gran relevancia para a sociedade e a cultura de cada tempo.

A programación “Vive o Castelo” trata de revivir a brillantez desta singular corte condal, recreando a historia do castelo con visitas guiadas e teatralizadas, tentando comprender mellor o signi¬ficado máis fondo do legado dos Ulloa, os Zúñiga, os Fonseca e os Alba, coa reflexión dos participantes na mesa redonda, e gozando dos seus espazos monumentais coa axuda da música, o teatro, a maxia e o circo.

23 de xullo de 2015 | 20:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.