publicidade hoxe

Arranca a Aldea de Verán en San Sadurniño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

Xogar mentres se aprende, aprender mentres se xoga… como se queira. Esa é a esencia da Aldea de Verán que esta mañá iniciou unha nova edición. Iso e, ademais, ofrecerlles ás familias un servizo de conciliación durante as vacacións dos máis pequenos e pequenas. Para este mes están cubertas as 35 prazas que se ofertaban, pero para agosto aínda hai dispoñibles 13, que se poden solicitar ata o día 17 de xullo.

A Aldea de Verán empregará este ano a Historia e a Cultura como fíos condutores das actividades que se desenvolven ao longo da semana. Así, os luns dedicaranse ás letras, os martes á música, os mércores aos xogos e xoguetes, os xoves ás festas tradicionais e os venres ao descubrimento da paisaxe. Unha agrupación temática que dista moito de parecerse ao que os nenos e nenas tiveron na escola durante o curso. 

E é que cada día será unha sorpresa, con traballos manuais, buscas do tesouro, construción de instrumentos, inventar contos, disfrazarse, facer queixos, pintar… etc. Hoxe, sen ir máis lonxe, o primeiro grupo -hai dous horarios na mañá- empezou facendo figuriñas con miga de pan semellantes en canto á técnica ás que, de sempre, podemos atopar en Santo André de Teixido.

O cuartel xeral da Aldea de Verán será o ximnasio do CPI, porén está previsto que se fagan saídas a outros lugares próximos, como o Centro de Día, a Casa da Cultura, os xardíns municipais ou o contorno do paseo fluvial. Ademais, todos os venres haberá actividades relacionadas coa paisaxe desenvolvidas en colaboración coa Escola Infantil Municipal “A Rolada”, que non pecha durante as vacacións.

Na primeira quenda da Aldea de Verán, a do mes de xullo, cubríronse a totalidade das 35 prazas que se ofrecían. Para agosto quedan aínda 13 vacantes, que poden solicitarse na oficina de Igualdade do Concello ata o día 17 de xullo. Pode obterse máis información chamando ao 981 490 027 (Ext. 1).

A Aldea de Verán é un servizo socioeducativo ofrecido polo Concello -con apoio económico da Deputación da Coruña- co obxectivo de que as familias dispoñan dun espazo co que conciliar traballo e unha atención de calidade aos nenos e nenas. Ademais de aprender ou reforzar conceptos nos que xa se traballa na escola, a Aldea de Verán inclúe na súa programación actividades orientadas ao fomento da igualdade, da solidariedade, do respecto, das relacións sociais interxeracionais e da creatividade.

1 de xullo de 2015 | 19:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.