Apertura do prazo de preinscrición para a escola de verán con comedor en Lalín
O prazo de preinscrición para a Escola de Verán con Comedor, posta en marcha pola Concellería de Servizos Sociais, queda aberto dende mañá. A presentación de solicitudes, así como a demanda de información, pode facerse nas dependencias de Servizos Sociais do Concello de Lalín.
En total habilitaranse ata 80 prazas para menores de idades comprendidas entre os 3 e os 17 anos, con algún tipo de dificultade socioeducativa ou socioeconómica, valorada polos traballadores sociais do Concello. Non obstante, tal e como recordou o concelleiro de Servizos Sociais, Nicolás González Casares, a actividade está aberta a todos os menores do municipio, independentemente da súa condición. Isto faise co dobre obxectivo de evitar, por unha parte, a posible estigmatización dos nenos e nenas beneficiados, así como contribuír, por outro lado, a facilitar a conciliación familiar e laboral.
A Escola de Verán durará todo o período estival non lectivo e configúrase como un programa de educación non formal que busca a mellora das competencias básicas dos menores. O programa comprende actividades tales como a divulgación do coñecemento do entorno, o fomento da lectura, das matemáticas, talleres de escritura, e multitude de obradoiros de todo tipo, finalizando cada día cunha comida. O horario de desenvolvemento do programa será de luns a venres, de 09.00 a 15.00 horas, nas instalación do Colexio Xesús Golmar.











