Andrés Suárez ofrecerá o primeiro concerto das festas de Ferrol de agosto

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

O artista ferrolán Andrés Suárez será o encargado de ofrecer o concerto inaugural das festas de verán de Ferrol, que se celebrarán do 21 ao 31 de agosto. Así o anunciou a concelleira de Benestar Social, Muller e Festas, Beatriz Sestayo, que resaltou que o concerto do ferrolán Andrés Suárez terá lugar na praza de España, o día 21, despois do pregón, e con entrada gratuita. Ademáis de contar na cidade cun ferrolán que está a ter un enorme éxito en toda España darase resposta ás numerosas peticións que chegaron a través do correo electrónico habilitado pola Concellería para que os cidadáns aportasen as súas suxerencias.

Beatriz Sestayo resaltou que “foron moitísimos os ferroláns que pediron a súa actuación” e ademáis Andrés Suárez terá así a oportunidade de ofrecer o concerto de apertura das festas. “E sabemos a ilusión que lle fai abrir as festas de Ferrol”, puntualizou.

Aínda que a programación das festas non está completamente pechada, Beatriz Sestayo avanzou outro dos concertos que se celebrará neses dez días grandes será o da artista galega Sés, coñecida tamén pola súa reivindicación co feminismo e a igualdade. 

Polo momento todos os concertos organizados son de carácter gratuito. Estánse valorando custos para pechar o lugar das actuacións e dos espectáculos, posto que a idea inicial é a de contar cun escenario na praza de España e outro en Amboaxe, ademáis de poder levar algún dos eventos aos barrios, a Ultramar ou Caranza. En todo caso, esta organización está pendente de ser valorado, segundo as limitacións orzamentarias existentes. 

“Compaxinamos a austeridade, non quixemos sacar doutras partidas porque as necesidades sociais e o emprego son máis importantes que calquera outra cousa, pero sí quixemos aproveitar para facer unhas festas que dinamicen a cidade durante todos os días, do 21 ao 31, para iso haberá concertos para todos os gustos, pop, rock, indie, rap, folk, clásica e animación ao longo de todo o día”, explicou Beatriz Sestayo, porque “unha das reivindicación máis reiteradas dos hosteleiros e os veciños é que a cidade sinta que está non só en festas á hora dun concerto”. 

INFORME DA ÁREA DE FESTAS ANTE OS ESCASOS FONDOS DISPOÑIBLES 

Neste senso, as festas de verán serán completamente “austeras”, sinalou Beatriz Sestayo, posto que a partida económica para este fin coa que se encontrou o actual goberno era moi inferior a de anos anteriores.

Dos 407.000 euros reservados para festas neste 2015, tan só quedan para todo o ano, incluídas as de verán e as de nadal, 180.000 euros, denunciou Beatriz Sestayo, que lembrou que con anterioridade gastábanse 363.000 euros nos festexos do verán, “e non 200.000 como dicían”.

Ante esta situación, a área de festas elaborará un informe para determinar en qué se ten gastado o orzamento de festas durante os cinco primeiros meses do ano, para clarexar o destino destas partidas.

A diferenza das festas dos anos pasados, nas que se adxudicaban por trámite de urxencia e a unha empresa, nesta ocasión se fixo un chamamento a empresas de Ferrol e da comarca para que fixeran a súa oferta, co obxectivo de favorecer a aqueles que sexan de Ferrolterra, explicou, así como aos cidadáns para que aportaran as súas suxerencias , co fin de facer unhas festas máis participativas e abertas á cidadanía. 

28 de xullo de 2015 | 19:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.