AGE aplaude que o rexedor de Santiago non participase na Ofrenda ao Apóstolo
O deputado de AGE Antón Sánchez aplaudiu este luns a decisión do alcalde de Santiago de Compostela, Martiño Noriega, de non participar na tradicional Ofrenda ao Apóstolo que acolleu a Catedral compostelá o pasado 25 de xullo, Día de Galicia. En rolda de prensa, mantivo que a negativa do alcalde compostelán é “unha decisión de agrado para moitos e criticada por outros de mente máis pechada”. Neste sentido, engadiu que “a propia Igrexa está máis avanzada que o PPdeG”, ao respectar a decisión do alcalde.
E é que o dirixente de AGE aclamou a declaración do arcebispo de Santiago, Julián Barrio, quen asegurou “respectar” a decisión de Noriega. Tamén o deán, Segundo Pérez, minimizou a importancia da decisión do rexedor ao afirmar que “non ten a menor importancia” que un alcalde “non vaia a unha misa”.
Fronte a iso, referiuse ás críticas vertidas por cargos do PP ante esta ausencia co presidente, Alberto Núñez Feijóo, ou ao portavoz do PP de Santiago, Agustín Hernández, á fronte. “Iso si que é ser máis papistas que o Papa”, aseverou.
De feito, o parlamentario de Alternativa atribuíu ditas críticas “á desesperación” de Feijóo que, ao seu xuízo, “só se preocupa do seu futuro político”.











