AFAL Ferrolterra traballa a autoestima e confianza dos maiores cunha nova terapia con cans

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+
Terapia con cans de Afal

Terapia con cans de Afal

Mellorar o estado anímico, a autoestima e confianza nun mesmo; traballar a comunicación gestual e oral; aumentar a socialización e activar a estimulación sensitiva e a reminiscencia son, entre outros, os beneficios do novo programa posto en marcha por AFAL Ferrolterra –Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias- no seu centro de día terapéutico da Rede Pública –situado na antiga Casa do Mar da cidade naval-. Un programa denominado Actividades Asistidas con Animais que, segundo explicaba esta mañá a directora das instalacións, Milagros Prieto, estenderase nas próximas semanas ao centro da asociación emprazado na rúa Río Castro e que está dirixido a persoas afectadas nunha fase leve-moderada e moderada-avanzada.

A coordinadora do centro, Noelia Ríos, explica que se trata dunha alternativa terapéutica que emprega o animal, neste caso un can labrador chamado Nala, como axente motivador para os maiores. Despois de coñecer a Nala a través de imaxes, as sesións comezaban a principios de mes cunha periodicidade semanal e baixo a dirección da técnica Rebeca Freire. Nelas, os maiores entran en contacto con Nala, un cachorro de cinco meses que, en paralelo, adéstrase nun centro específico. Ao longo de 45 minutos, acaríñana, a cepillan, a perfuman, vístena e realizan actividades de psicomotricidade con pelotas e aros.

Tamén a premian con regaliz cando obedece ordes como recostarse. Non só iso, xorden as conversacións en torno ao can e a técnica facilítalles información sobre Nala. E, os maiores, traen aos presente recordos do pasado remoto ou non tanto, xa que moitos deles teñen mascota tamén en casa. Trátase dunha actividade altamente gratificante para os maiores, xa que todos están atentos e participativos. E, o que é máis importante, o seu estado anímico e satisfacción emocional mellora notablemente, á vez que lles achega tranquilidade, seguridade e calma.

Un programa que segue a senda doutros proxectos innovadores postos en marcha por AFAL Ferrolterra como Equinoterapia –estimulación cognitiva con cabalos-, Sedaterapia –con vermes de seda- ou Natura: Estímulos Vivos.

20 de xullo de 2015 | 17:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.