Adxudícase o proxecto de construción da nova praza pública de Lemaio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

A Xunta de Goberno Local do Concello da Laracha reuniuse hoxe en sesión ordinaria, sendo a cuestión máis salientable a adxudicación do proxecto de construción da nova praza pública que se creará no Igrexario da parroquia de Lemaio.

Esta área de descanso terá unha superficie de 5.500 metros cadrados e situarase nas inmediacións da igrexa de Santa Mariña e o cemiterio. A actuación proxectada contempla a pavimentación con formigón e celosía de céspede, acadando o dobre obxectivo de facilitar o tránsito a pé e rodado, pero permitindo o crecemento de vexetación para reducir o impacto visual. Tamén se inclúe a creación de espazos verdes con árbores autóctonas, a ampliación do ancho da estrada para unha maior seguridade viaria, o soterramento da liña de baixa tensión e as canalizacións para os servizos de rego, recollida de augas pluviais e iluminación pública. 

O goberno local tamén acordou na sesión de hoxe adxudicar parte das actuacións de mellora da rede viaria municipal que se cofinanciarán con cargo á actual anualidade do Plan de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (POS). As obras previstas afectan a vías municipais pertencentes a dez núcleos das parroquias de Cabovilaño (vías A Braña-Cardois-A Cacharra, A Braña-As Abeleiras, Xeriz-cruce de Nogán, A Teixoeira-Vista Alegre) e de Erboedo (accesos e núcleo de A Fontenla). 

Salientar, por último, a autorización da Xunta de Goberno para solicitar a participación do Concello da Laracha na convocatoria da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia para a mellora das coleccións bibliográficas das bibliotecas integradas na Rede de bibliotecas de Galicia. 

O Concello da Laracha conta actualmente con tres bibliotecas públicas municipais que están á disposición dos veciños nas vilas da Laracha (rúa Manuel Murguía, xunto ao IES Agra de Leborís), Paiosaco (centro sociocultural) e Caión (A Ínsua).

30 de xullo de 2015 | 18:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.