publicidade hoxe

Adxudícanse os contratos de limpeza, desbroce e mantemento de cunetas e de mantemento de espazos urbanos de Carballo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballo
A-
A+

A Xunta de Goberno Local, reunida en sesión ordinaria, vén de adxudicar os contratos administrativos de servizos de “Mantemento de espazos urbanos do Concello de Carballo” e de “Limpeza, desbroce e mantemento de cunetas dos viais das parroquias de Carballo” por un importe total de 85.889 euros. No primeiro caso, o prezo de adxudicación é de 33.859 euros e o prazo de execución dun ano, sen posibilidade de prórroga. O máximo de horas de traballo manual será de 580 horas; e o máximo de horas de traballo mecánico será de 1.150. No caso da limpeza e mantemento de cunetas, o prezo de adxudicación é de 52.030 euros, cun prazo de execución da limpeza dun máximo de dous meses e unha prestación do servizo de mantemento por un prazo de cinco meses.

No apartado de contratación, a sesión tamén supuxo a adxudicación do contrato de servizos de “Asesoría xurídica do Centro de Información á Muller (CIM) de Carballo”, por un importe de 24.596,88 euros e un prazo de dous anos, coa posibilidade de dúas prórrogas anuais previo acordo das partes. O contrato inclúe, ademais da asesoría, o desenvolvemento de tres cursos formativos de oito horas en materia de igualdade, violencia de xénero e igualdade laboral. No apartado de subvencións, recibiron luz verde as concesións de tres subvencións, a relativa a particulares para Campamentos de Verán 2015; e, fóra da orde do día, a subvención para a realización de viaxes escolares 2015 e as subvencións para a realización anual do programa de actividades culturais das ANPAs 2015, todas por un total de 14.807,25 euros.

As subvencións a particulares para campamentos de verán 2015 beneficiarán a 49 persoas -as que teñen superado a puntuación suficiente para ter dereito ás axudas- e teñen un importe total de 2.892,25 euros. No caso das axudas para a realización de viaxes escolares 2015, beneficiaranse trece centros de ensino, incluíndo escolas unitarias, CEIP, IES ou colexios do municipio, por un importe de 6.315 euros. Por último, a Xunta de Goberno adxudicou as subvencións para a realización do programa anual de actividades culturais das Asociacións de Nais e Pais dos centros de ensino de Carballo. Beneficiaranse oito entidades por un importe total de 5.600 euros.

No apartado de cultura, a sesión tamén supuxo a aprobación dun Convenio coa Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) para levar a cabo o programa de actuacións do segundo semestre de 2015. Así mesmo, aprobouse o gasto para a programación do segundo semestre da Rede Galega de Teatros e Auditorios. Por último, a sesión supuxo a aprobación dunha licenza de obra; dunha licenza de primeira ocupación; e de dúas segregacións de parcelas.

20 de xullo de 2015 | 17:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.