Adxudícanse as obras de acondicionamento do complexo deportivo do Xistro
O Concello vén de aprobar a adxudicación das obras de acondicionamento do complexo deportivo e de ocio no lugar do Xistro. Entre as catorce empresas que se presentaron, Afes Mondial Services foi a escollida cunha oferta de 36.800 euros, o que supón unha baixa de 3.200 euros con respecto ao orzamento inicial. Estas obras están financiadas pola consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.
As obras que se van acometer inclúen varias vertentes. Así, vaise proceder á explanación e baleirado de terras e formación de taludes na parte oeste para unha zona de esparcemento, a colocación de árbores e axardinamento, a colocación de mesas e mobiliario de xogos infantís, a construción dunha pista de petanca, a substitución dun murete de contención de formigón de 1,50 metros de alto ou a reparación da zona danada do cerco de malla metálica nunha altura media dun metro. A esta planificación inicial, deberanse acometer dúas melloras valoradas en 7.904 euros: a inclusión dunha soleira de formigón no camiño de acceso e doutra na zona de ocio.
Esta obra están enmarcada dentro dun proxecto que se considera de grande interese desde o punto de vista medioambiental ao estar as instalacións nunha zona estratéxica por situarse entre as praias de Lapamán e Portomaior.











