publicidade hoxe

A XVI Festa do Cabalo de Teixeiro contará con espectáculos de doma, baile e acrobacias

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioCurtis
A-
A+

O Concello de Curtis organizará este domingo, día 2 de agosto, a XVI Festa do Cabalo, celebración que se foi consolidado nos seu quince anos de vida como unha das máis atractivas para os afeccionados do mundo ecuestre polas exhibicións, concursos e espectáculos que se desenvolverán durante todo o día en Teixeiro.

Este ano, unha das grandes novidades será a presenza dos chamados Magos da Equitación, que mostrarán ao público de Galicia por primeira vez un espectáculo de coreografías de xinetas e amazonas con cabalos de pura raza, no que se mesturará doma con baile e acrobacias.

O espectáculo será o broche final dunha xornada festiva que reunirá no pobo de Teixeiro a gandeiros de toda Galicia e por centos de afeccionados ao redor dos concursos de andaina, trote e morfoloxía, con premios que ascenden a preto de 5.000 euros. Ademais, celebrarase o Campionato Galego de Andaina, puntuable para o campionato galego desta modalidade. 

Curtis, o municipio coruñés con maior número de gandarías

Un dos puntos fortes desta xornada, que dará comezo ás 10 da mañá, serán os exemplares de pura raza galega ao ser Teixeiro o certame co maior número de cabalos que reúne en concurso. Hai que destacar que Curtis é o municipio da provincia da Coruña con máis gandarías de pura raza galega, cun total de 20 criadores.

As probas celebraranse nun gran campo destinado a acoller as actividades ecuestres, situado detrás da casa consistorial de Teixeiro. A zona conta cunha ampla zona de aparcadoiro para facilitar a asistencia aos actos.

A  Festa do Cabalo, organizada polo Concello de Curtis, conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña, o Clube Hípico de Teixeiro, a Federación Galega de Hípica e a Asociación Pura Raza Cabalo Galego.

30 de xullo de 2015 | 18:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.