A Xunta ofrece a súa colaboración ao Concello de Pontevedra para acadar a aprobación definitiva do proxecto do Vao
A Xunta ofrece a súa colaboración ao Concello de Pontevedra e aos promotores do solo urbanizable do Vao para acadar a aprobación definitiva do proxecto. A secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, mantivo esta mañá unha reunión co responsable de Urbanismo do Concello de Pontevedra e cos técnicos do solo urbanizable da citada área, situada na parroquia de Campañó.
Nesta xuntanza abordáronse as cuestións que serán introducidas no documento, como a obrigatoriedade (fixada no artigo 47.2 da LOUG) de computar o 10% correspondente a zonas verdes dentro do ámbito, xa que as dotacións de solo urbanizable non poden situarse en solo rústico.
Nese senso, tamén se avanzou na proposta de aplicación dun tratamento vexetal da fachada do ámbito cara á autopista, tendo en conta a alta fraxilidade desta orientación do sector polo elevado volume diario de vehículos. Os técnicos do desenvolvemento propuxeron, tendo en conta a complicada orografía da fachada, que nalgúns puntos se eleva ata os 8 metros, crear unha pantalla vexetal que conecte coa propia zona verde.
Co fin de avanzar cara a aprobación definitiva do proxecto, a secretaria xeral emprazou aos técnicos do ámbito urbanizable a remitir o documento á Xunta antes de finais de mes co fin comprobar que se fixeron os axustes necesarios e proceder a aprobación definitiva.











