A Xunta emite unha Orde coas modificacións precisas para a aprobación definitiva do PXOM de Carballo
O Concello de Carballo vén de recibir unha Orde da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas emitida o 2 de xullo sobre a aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Carballo (PXOM), na que se recollen as modificacións e subsanacións necesarias para que a Xunta de Galicia lle dea o visto e prazo ao documento. O texto especifica que “o Concello deberá redactar os documentos modificados precisos para emendar as deficiencias sinaladas; e os elevará, logo dos trámites oportunos, ante esta Consellería para a súa aprobación definitiva”. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, explica que o venres 3 de xullo recibiu unha chamada da Conselleira de Medio Ambiente, Ethel Vázquez, para avisar da emisión desta Orde e para concertar xa unha xuntanza entre representantes do Concello e a Secretaria Xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, para avaliar o alcance do informe e traballar para a consecución da aprobación definitiva do PXOM. A reunión está prevista para o xoves 9 de xullo en Santiago. Ferrero explica que se trata dun documento “exhaustivo” que require “prudencia” debido ao seu detalle e que serán os técnicos os que deberán analizalo en profundidade. Non obstante, a Concelleira de Planificación e Mobilidade Urbana, Milagros Lantes, explica que, entre todas as especificacións e modificacións esixidas “non hai grandes complexidades” e que, en todo caso, o detalle da Orde é positivo porque o obxectivo do Concello é “crear un documento con seguridade xurídica” e que “non suceda de novo o que ocorreu co plan de 2003”.
Ferrero tamén quere subliñar que Carballo conta con 186 quilómetros cadrados de territorio e con máis de 300 núcleos polo que “nese volume sempre hai cuestións que matizar e pulir” e “era máis que previsible que houbera algún requirimento”. Engade que “a propia Conselleira considerou que se trata dun procedemento ordinario” que ten a intención de “axilizar” o máis posible e que a Oficina Técnica xa comezou a traballar para cumprir con cada unha das peticións, ademais de terlle enviado xa copia da orde a cada un dos grupos políticos con representación na corporación, xa que o PXOM foi elaborado por todos eles e aprobado por unanimidade do pleno. O Arquitecto Municipal, Alfredo Garrote, tamén quere resaltar que moitas das modificacións esixidas “teñen fácil solución” pero que se trata dun traballo laborioso e “inxente” que perseguirá en todo momento “unha coherencia interna total e absoluta” do PXOM. En todo caso, ninguén ofrece ningún prazo para rematar coas subsanacións, xa que o obxectivo, salienta Lantes “é que o documento vaia ben pechado”.
Capacidade residencial
Entrando nas especificacións do documento máis polo miúdo, hai que mencionar que o informe “valora moi positivamente” a redución do solo susceptible de transformación urbanística e a capacidade residencial, que queda establecida en 12.263 novas vivendas, polo que un dos puntos que máis debate ten suscitado no pasado semella que neste caso con xera ningunha modificación relevante. O Arquitecto Municipal tamén sinala que “unha parte moi substancial” do documento se refire á carencia de servizos urbanísticos que si existen, pero que non están xustificados no PXOM. Nestes casos, coa inclusión dun informe municipal ao respecto a subsanación ten “fácil solución”, segundo Garrote. Tamén se sinalan unha serie de erros respecto da falta de documentación, de xustificacións ou de grafías que tamén son facilmente corrixibles.
De novo, infórmase “desfavorablemente” a ordenación proxectada nos ámbitos UU-R13 e UU-R14, na zona do San Martiño e nunha área na contorna da rúa Vila de Negreira da capital municipal, e que están afectados pola zona de fluxo preferente recollida nos mapas de zonas inundables do Plan Hidrográfico de Galicia Costa. Neste aspecto tamén se menciona o solo urbano non consolidado UU-R19, situado na contorna da Estación de Autobuses nova. En todo caso, Milagros Lantes explica que se incluirán as xustificacións elaboradas até o de agora para estes ámbitos, seguindo o criterio doutros concellos que están en proceso de elaboración do seu planeamento e que contan con zonas en situación similar. Outro dos puntos do documento refírese ao asentamento dos Canedos, en Bértoa, entre outros; e tamén á zona costeira de Razo e Arnados, nos que se esixen unha serie de modificacións respecto do PXOM enviado que tamén deberán ser tidas en conta.
En todo caso, o goberno non marca prazos concretos para a incorporación das esixencias da Consellería pero aclara que todo aquilo que non se reflicte na Orde, a amplísima maioría da documentación do PXOM, enténdese como “tacitamente aprobado”. Agora o proceso require que todos os cambios que se realicen seguindo as indicacións da Xunta sexan levados de novo para a aprobación do pleno da corporación e posteriormente, remitiranse de novo á Xunta á espera do visto e prace definitivo.











