A Xunta destina 90.000 euros ao acondicionamento de varios centros educativos da comarca do Barbanza
A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitou esta mañá o centro de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Praia Xardín de Boiro co fin de supervisar as obras de mellora e acondicionamento que se están a levar a cabo por parte da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Tamén se están a realizar traballos deste tipo noutros tres centros da comarca do Barbanza, nos concellos da Pobra do Caramiñal e Rianxo. O investimento total para todas estas actuacións é de 91.723 euros.
Do Campo visitou as dependencias educativas acompañada polo alcalde de Boiro, Juan José Dieste, o xefe territorial de Educación, Indalecio Cabana, e o director do centro, José Manuel Vilas. A delegada territorial destacou que “o compromiso do Goberno galego para o mantemento dunha educación pública de calidade materialízase, unha vez máis, coa mellora das instalacións para o óptimo desenvolvemento da actividade escolar”.
Neste senso, as actuacións que se están a acometer en Boiro consisten na reforma dos patios e da zona da cociña para mellorar o seu servizo, así como actuacións de reparación da sala de profesores despois de sufrir unha inundación. Segundo explicou a máxima representante do Goberno galego na provincia, decidiuse acometer a execución destas actuacións, do mesmo xeito que as programadas no resto da comarca, durante o período non lectivo das vacacións de verán, co fin de non interferir na actividade académica. As previsións dos técnicos do departamento autonómico indican que as intervencións programadas na comarca estarán rematadas nas vindeiras semanas.
Pola súa parte, na escola de Educación Infantil (EEI) Fernández Varela da Pobra estanse a substituír parte das ventás para optimizar o consumo enerxético do centro, mentres que no instituto de Educación Secundaria (IES) do municipio, os traballos consisten na reparación da cuberta do ximnasio para evitar filtracións e na mellora da conexión á rede de sumidoiros. Por último, no IES Félix Muriel de Rianxo estase a acondicionar un novo espazo para uso do centro e a instalación dun novo depósito de gasóleo.
Todos estes traballos inclúense dentro do paquete de intervencións programado pola Xefatura Territorial de Educación de posta a punto dos centros educativos da provincia para o comezo do vindeiro curso. Con estas actuacións, a Xunta está a dar resposta ás necesidades detectadas nos colexios e institutos do Barbanza, cumprindo o compromiso adquirido coas comunidades educativas de cada centro. Na mesma liña, Do Campo subliñou que o “Executivo autonómico traballa para seguir avanzando na adecuación das infraestruturas co fin de continuar mellorando as condicións de traballo e estudo de mestres e alumnos”.