A Xunta destina 40.000 euros ás obras de acondicionamento de dous centros educativos do concello de Ordes

Belén do Campo na visita ao centro educativo
A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitou esta mañá o centro de Educación Infantil e Primaria (CEIP) de Mesón do Vento, no concello de Ordes, co fin de supervisar as obras de mellora que se están a levar a cabo por parte da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Tamén se están a realizar traballos de acondicionamento no instituto de Educación Secundaria Nº1. O investimento total para estas actuacións é de 40.232 euros.
Do Campo visitou as dependencias educativas do CEIP de Mesón do Vento acompañada polo alcalde, José Luis Martínez, e pola concelleira de Educación, Susana García. No centro estanse a reformar os baños para proceder a unha actualización e mellora dos mesmos, así como a substitución dos cristais das ventás co fin de optimizar o consumo enerxético. Durante o seu percorrido, a delegada destacou que con estas actuacións, a Xunta está a “dar resposta ás necesidades detectadas no centro, cumprindo o compromiso adquirido coa comunidade educativa”.
A máxima representante do Goberno galego na provincia recordou que tamén se están a acometer labores de mellora no IES Nº1, onde se están a reparar os aleiros da fachada para evitar desprendementos. Do Campo destacou o compromiso da Xunta de Galicia para “o mantemento dunha educación pública de calidade, que se materializa, unha vez máis, coa mellora das instalacións para o óptimo desenvolvemento da actividade escolar”.
As obras estarán rematadas na primeira metade de agosto
Todas estas accións están planificadas para ser executadas durante o período non lectivo das vacacións de verán co fin de, tal e como explicou a delegada, non interferir na actividade académica. As previsións dos técnicos do departamento autonómico indican que as intervencións estarán rematadas na primeira metade de agosto.
A delegada territorial destacou que as actuacións nos centros educativos do concello de Ordes inclúense dentro do paquete de intervencións deseñado pola Xefatura Territorial de Educación de posta a punto dos centros educativos da provincia para o comezo do vindeiro curso. Do Campo resaltou, ademais, que “o Executivo autonómico traballa para seguir avanzando na adecuación das infraestruturas, co fin de continuar mellorando as condicións de traballo e estudo de mestres e alumnos”.
Aproveitando a súa estancia no municipio, Do Campo tamén mantivo unha xuntanza co equipo directivo do IES Maruxa Mallo para coñecer de primeira man o seu proxecto educativo e as necesidades actuais. Neste senso, a delegada comprometeuse a estudar as peticións recibidas e a traballar intensamente para dar a mellor solución ás demandas do centro.











