publicidade hoxe

A Xunta destina 100.000 euros para a realización de obras de acondicionamento en centros educativos da comarca de Bergantiños

Belén do Campo na visita a un dos centros

Belén do Campo na visita a un dos centros

A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitou esta mañá colexio público integrado (CPI) As Revoltas, de Cabana de Bergantiños, e o centro de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Joaquín Rodrígez Otero, de Malpica de Bergantiños, co fin de supervisar as obras de mellora e acondicionamento que se están a levar a cabo por parte da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Na comarca de Bergantiños, tamén se están realizar traballos deste tipo noutros tres centros dos concellos de Carballo e Ponteceso. O investimento total para todas estas actuacións é de 100.913 euros.

Do Campo visitou primeiro as dependencias educativas de Cabana, acompañada polo alcalde, José Muíño, e a directora do centro, Ana Fuentes. Neste colexio estanse a reparar os piares da fachada para evitar desprendementos. Durante o percorrido, a delegada destacou que con esta actuación, a Xunta está a “dar resposta ás necesidades detectadas neste centro, cumprindo o compromiso adquirido coa comunidade educativa, coa que se consensuaron estas medidas”.

A continuación, a delegada territorial acudiu ao CEIP Joaquín Rodrígez Otero de Malpica xunto co alcalde, Eduardo Parga, e o director do centro, Fernando Quintela. En ambas visitas, tamén estivo presente o xefe territorial de Educación, Indalecio Cabana. Nas dependencias malpicanas estase a arranxar o depósito de gasóleo para optimizar o consumo e eliminar o risco de fugas. Ademais, colocarase un novo pararraios.

A representante autonómica destacou o compromiso do Goberno galego para “o mantemento dunha educación pública de calidade, que se materializa, una vez máis, coa mellora das instalacións para o óptimo desenvolvemento da actividade escolar”. Neste senso, recordou que tamén se están a levar a cabo melloras nos CEIP Fogar e no instituto de Educación Secundaria (IES) Monte Neme, de Carballo, onde, por unha banda, se está a reformar o falso teito do comedor, e por outra, procedeuse á reparación da liña telefónica e da instalación eléctrica. Por último, en Ponteceso, no CEIP Eduardo Pondal estase a arranxar a cuberta das instalacións para evitar filtracións.

Todas estas accións están planificadas para ser executadas durante o período non lectivo das vacacións de verán co fin de, tal e como explicou a máxima representante do Goberno na provincia, non interferir na actividade académica. As previsións dos técnicos do departamento autonómico indican que as intervencións programadas estarán rematadas nas vindeiras semanas.

A delegada territorial destacou que as actuacións nos centros educativos da comarca de Bergantiños inclúense dentro do paquete de intervencións deseñado pola Xefatura Territorial de Educación de posta a punto dos centros educativos da provincia para o comezo do vindeiro curso. Do Campo resaltou, ademais, que “o Executivo autonómico traballa para seguir avanzando na adecuación das infraestruturas co fin de continuar mellorando as condicións de traballo e estudo de mestres e alumnos”.

9 de xullo de 2015 | 13:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.