A Xunta de Voceiros de Lugo acorda medidas que reforzan o diálogo e a transparencia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+

A Xunta de Voceiros do Concello quedou constituída este xoves nunha sesión na que os portavoces dos seis grupos con representación municipal, baixo a presidencia da Alcaldesa, Lara Méndez, acordaron medidas que reforzan o diálogo e a transparencia, “os dous instrumentos de traballo básicos aos que nos comprometemos”, subliñou o voceiro municipal, Miguel Fernández.

Deste xeito, nesta primeira xuntanza, convocada unha vez constituídos os grupos municipais, pactouse o funcionamento dos plenos e as comisións informativas, e os mecanismos de acceso á información sobre as decisións do Goberno. Así, acordouse,  a proposta da rexedora, celebrar sempre unha Xunta de Voceiros antes dos plenos, os luns, pois, aínda que non é obrigatorio por Lei, fomenta o diálogo e a transparencia. Ademais, nas comisión informativas abordaranse as mocións que se debatan no pleno, no que cada grupo político poderá presentar dúas propostas, dous rogos e dúas preguntas.

Tamén se acordou reducir á metade os tempos de intervención dos voceiros nas sesións plenarias co fin de gañar axilidade e eficacia no máximo órgano do Concello. A primeira alocución pasará de 6 a 3 minutos; a segunda, de 3 a un minuto e medio, e a conclusión do voceiro propoñente, de un a medio minuto.

En canto a transparencia e acceso á información, os 5 grupos da oposición poderán consultar os asuntos tratados na Xunta de Goberno os xoves, en horario de 9.00 a 14.00 horas. Co fin de axilizar o labor da oposición e non entorpecer o traballo do persoal do departamento de Actas, habilitarase unha mesa do servizo para a consulta. Pola súa banda, os decretos asinados poderán ser consultados de xeito informático, como ata o de agora. Polo que respecta ao resto de información, seguiranse as canles establecidos no Regulamento Orgánico de Funcionamento (ROF).

Ademais, os grupos terán toda a información sobre os asuntos abordados nas Mesas de Contratación –das que deixan de formar parte os políticos- ao día seguinte de celebrarse.

16 de xullo de 2015 | 14:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.