A Xunta de Goberno Local de Ourense aproba a nova delegación de competencias do equipo de goberno
A sesión da Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense, celebrada esta mañá inmediatamente antes do pleno, aprobou a nova delegación de competencias do equipo de goberno, asinada o pasado día 27 polo alcalde de Ourense, Jesús Vázquez. Entrará en vigor mañá, sen perxuizo da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia.
Esta nova delegación outórgalle a Belén Iglesias as competencias en materia de Cultura. O propio alcalde asumirá a portavocía do Goberno, e as competencias en materia de Recursos Humanos e Seguridade Cidadá, en tanto en canto non se incorpore ao Concello un novo edil en substitución de González Bouzán.
Por outra banda, a Xunta de Goberno Local procedeu ao nomeamento de representantes nos Consellos Escolares dos Centros Públicos radicados no termo municipal, que por primeira vez nos últimos anos se abriu á participación de todos os grupos políticos, sendo Ourense en Común o grupo que aceptou participar.
Esta decisión partiu da xunta de área do pasado 21 de xullo, onde a concelleira de Educación, Belén Iglesias, informou aos grupos políticos da renovación dos representantes municipais nos consellos escolares, á vez que lles pediu colaboración aos grupos para que presentasen propostas de integrantes, sendo Ourense en Común o grupo que prestou tres deles.
Os consellos escolares corresponden a 32 centros educativos, CEIP, IES, Escola Oficial de Idiomas e Conservatorio Profesional de Música. En cada un destes centos estará un representante municipal. A FEMP recomenda que non sexan políticos, motivo polo cal nestes órganos non participan concelleiros, tal e como explica a concelleira Belén Iglesias.
O consello escolar é un órgano de goberno colexiado, a través do cal participan na xestión do mesmo os diferentes membros da comunidade escolar, dependendo a composición do número de unidades de cada centro.
Por último, a XGL acordou designar a Jorge Pumar como representante do Concello de Ourense na Asociación de Desenvolvemento Rural Comarca de Ourense (ADERCOU)











