A Xunta de Goberno de Ourense aproba unha modificación de crédito por 11.730.254,97 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

Proceder ao pago de facturas e débedas pendentes de exercicios anteriores, facer fronte a compromisos con asociacións e entidades sociais, achegar a parte municipal para executar investimentos cofinanciados por outras administracións, financiar o realoxo dos comerciantes da Praza de Abastos de cara ás próximas obras de rehabilitación do edificio, reforzar os programas da área social e afrontar gastos e investimentos necesarios ata final de ano son os principais obxectivos do proxecto de modificación presupuestaria que o goberno municipal aprobou esta mañá en Xunta de Goberno Local.

O voceiro do goberno, Francisco González, e a concelleira de Facenda, Ana Morenza presentaron esta proposta, que será trasladada aos grupos da oposición e deberá ser aprobada polo Pleno do Concello.

Financiar 9,3 millóns de euros en débeda comercial xerada en anos anteriores

A modificación orzamentaria ascende a 11.730.254,97 euros. O primeiro obxectivo é financiar as débedas comerciais , por importe de 9,3 millóns de euros, xeradas en 2014 ou en anos anteriores que non se aprobaran en dito exercicio.

Farase así unha dobre actuación. Por unha banda, dótase o crédito necesario para pagar facturas e outras débedas que ainda hoxe están pendentes de pago, por importe de 3,07 millóns de euros. Por outra, repóñense nas partidas do orzamento vixente os créditos que foron consumidos por facturas de anos anteriores que xa foron aprobadas con cargo ás partidas do presente ano, por importe de 6,229 millóns de euros. Esta reposición de fondos permitirá que os programas aos que se destinan estas partidas podan continuar desenvolvéndose.

Os restantes 2.430.233,95 euros serán para gastos e investimentos a realizar ata final de ano. 

A modificación financiarase con cargo a superávit orzamentario e remanente de tesorería.

Superávit para investimentos sostibles

O superávit real do Concello, 3.435.165,12 euros, destionarase á inversións financieiras sostibles, concretamente:

– Renovación da flota de autobuses (2.658.565,12 euros)

– Mellora do saneamento de Ourense, EDAR de Ourense (776.600 euros)

– Proxecto de abastecemento de auga a Ourense (100.277,78 euros).

Trátase de investimentos moi necesarios. No caso do transporte público, tendo en conta a vida media da actual flota de autobuses urbáns permitirá un importante aforro nos gastos correntes dos próximos 10 anos, ao non ter que pagar á empresa concesionaria do transporte urbán o compoñente de amortizacións que agora forma parte do custe anual do servizo. Esto suporá un aforro de 2,7 millóns de euros nos vindeiros dez anos, consolidándose así unha xestión dos fondos públicos municipais nos que prima a xestión e o aforro, optimizando así os recursos públicos. Nos outros dous casos, son as achegas que lle corresponden este ano ao Concello para a execución das obras da depuradora e o novo abastecemento

Subvencións, infraestruturas e Praza de Abastos

A modificación permitirá tamén levar a cabo o normal desenvolvemento do exercicio, nos diferentes ámbitos; infraestruturas, cultura, benestrar, etc., e o pago da débeda pendente. Así, permitirá:

– Conceder as subvencións nominativas que se adebedan ás asociación de veciños, entidades sociais para o desenvolvemento da súa actividade (comedor social, Cáritas, comedores escolares, axudas do programa de emerxencia social…). Estas subvencións concedidas e recoñecidas supoñen un importe de 403.952,18 euros.

– Executar infraestruturas necesarias, especialmente no perímetro rural (infraestruturas básicas, reposicións, melloras) por un importe de 275.000 euros que suporán a xeración de emprego e redundarán na mellora da cidade.

– Poder contar con partidas para poder cofinanciar subvencións concedidas a este Concello por outras administracións e, consecuentemente, evitar a súa perda. Aquí estaríamos falando do Plan especial de emprego, obradoiro e infraestruturas como as das obras do polígono de Seixalbo, para as que o Concello precisa aportar 59.285,30 euros para a súa cofinanciación. En caso contrario, perderíase a subvención.

– Facer fronte a indemnizacións xudiciais por importe de 1.250.000 euros.

– Levar a cabo actuacións de realoxo dos comerciantes da Praza de Abastos nº1. En caso contrario, dificultaría e chegaría a impedir a execución da obra de rehabilitación do edificio.

Programa Ourense integra para persoas en situación de vulnerabilidade

O goberno municipal ten como obxectivo outorgarlle ao Concello de Ourense un compromiso máis social. En consecuencia con este compromiso, a modificación de crédito permitirá tamén poñer en marcha novos programas sociais como “Ourense Integra”. Este programa de nova creación destinará 250.000 euros a cubrir axudas de carácter periódico dirixidas a persoas en situación de vulnerabilidade social que, por diferentes motivos, non poden acceder a prestacións regladas doutras administracións públicas (RISGA ou pensións non contributivas). 

Con esta modificación de crédito o remanente de tesourería do Concello de Ourense quedará situado en 30 millóns de euros.

20 de xullo de 2015 | 16:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.