publicidade hoxe

A Xunta convoca aos concellos das Fragas do Eume a participar nos grupos de traballo para consensuar o plan reitor do Parque Natural

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CapelaA CoruñaAs PontesCabanasLocal PortadaMonferoPontedeume
A-
A+

A Xunta de Galicia convoca aos concellos da área das Fragas do Eume a participar nos grupos de traballo que se constituirán para acadar o máximo consenso na elaboración do Plan Reitor de Uso e Xestión do Parque Natural. A conselleira de Medio Ambiente,Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, remitiu hoxe unha misiva aos alcaldes de Monfero, A Capela, As Pontes, Pontedeume e Cabanas na que lles convida a designar un representante de perfil técnico que participe nesta rolda de reunións, que comezará a vindeira semana.

A titular de Medio Ambiente destaca na carta que a Xunta continúa traballando neste plan co obxectivo de que a súa elaboración sexa de forma participada e responda aos obxectivos de todos, especialmente dos veciños.

Ethel Vázquez subliña que tras a primeira exposición pública do documento preliminar, resulta imprescindible a constitución de grupos de traballo que, de man dos propietarios dos terreos, axuden a integrar as súas propostas e tamén resolvan as dúbidas que este proceso lles puidera xerar.

O grupo de traballo estará participado por técnicos da Dirección Xeral de Conservación da Natureza e representantes dos concellos e dos propietarios. Para acadar unha maior eficiencia e operatividade nas reunións, realizaranse por municipios.

A conselleira agradécelles aos citados concellos a implicación e colaboración na elaboración deste instrumento de xestión que, contando coa participación construtiva de todos, redundará na conservación e posta en valor do Parque Natural, para que supoña unha oportunidade ambiental e de desenvolvento turístico para a zona.

7 de xullo de 2015 | 18:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.