A Xunta adxudica o remate da rehabilitación do edificio 16 da rúa Río Miño, na Tinería
O Consello de Administración de Xestur Lugo adxudicou as obras de remate da rehabilitación da edificación emprazada no número 16 da Rúa Río Miño, na Tinería, en Lugo.
A obra de remate deste edificio permitirá poñer dúas vivendas rehabilitadas máis a disposición dos lucenses. Estes traballos de mellora adxudicáronse por un importe de 63.464 euros e un prazo de execución de tres meses. As actuacións contemplarán, entre outras accións, o remate dos pavimentos, pintura, instalacións de calefacción e escaleiras.
Ata o momento, a Xunta rehabilitou na Tinería 82 vivendas, 20 locais en planta baixa e dous edificios de oficinas, cun investimento total que supera os 25 millóns de euros.
Ao mesmo tempo, o Consello de Administración de Xestur adxudicou tres parcelas a dúas empresas diferentes. Nun caso a adxudicación comprende dúas parcelas que suman 6.765 metros cadrados e no outro unha parcela de 675 metros cadrados.











