A UNED-Senior da Laracha abrirá a súas portas en outubro no albergue de Toxosoutos
O albergue de Toxosoutos converterase a partir do mes de outubro na aula da UNED-Senior en Lousame, na que se ofrecerán cursos formativos a maiores de 55 anos relacionados cos “saberes rurais”, é dicir, relacionados co desenvolvemento agrícola, gandeiro, cultural e forestal do noso rural. Así o anunciou hoxe a alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde Pais, antes de visitar a instalacións de Toxosoutos na compaña do director da UNED-Coruña, Germán Carro Fernández; do coordinador da UNED-Senior da Coruña, Luís Ángel Rodríguez Patiño; da coordinadora de extensión universitaria da UNED, María Díaz de Robles Badía; e da directora de Maisdetres, Carme Freire Cruces.
Teresa Villaverde indicou que os contactos para implantar a UNED-Senior en Lousame comezaron no mes de abril para “conservar todo ese saber rural dos nosos maiores, difundir o noso patrimonio e dinamizar economicamente o medio rural”. Neste sentido, lembrou que o Concello de Lousame leva meses organizando cursos relacionados coa agricultura ecolóxica e a posta en valor do rural e que esta nova aula da UNED “sería pechar o círculo, ensinar e recoller tamén o saber de xente de Lousame, que se estaba a perder”.
“Queremos apostar por revalorizar e recuperar os recursos de carácter agrícola, gandeiro e forestal de Lousame”, adianta Teresa Villaverde, “apostando por sistemas de melloras na xestións das explotacións que optimicen o aproveitamento dos recursos dos que dispoñemos neste municipio”. Ademais, a UNED-Senior de Lousame será tamén un espazo no que os maiores do municipio poderán intercambiar coñecementos e competencias, facilitando a transferencia de saberes e actitudes adquiridos a través da experiencia.
Recoller a experiencia
Pola súa banda, Germán Carro Fernández indicou que a aula da UNED-Senior de Lousame “nace como unha resposta ás necesidades formativas da xente maior nas áreas rurais, aínda que tamén busca aproveitar os seus coñecementos e as súas experiencias”. Neste sentido o director da UNED-Coruña indicou que “nunca se termina de aprender e nunca se termina de ensinar”.
De feito, Luís Ángel Rodríguez Patiño fixo fincapé na importancia da aula da UNED-Senior de Lousame para recuperar a memoria dos maiores, que “teñen unha memoria histórica ás veces maior que os libros de historia, teñen unha experiencia que temos que recollela”, pero tamén como instrumento para que “outra xente con formación en Lousame poida colaborar coa aula e atopar traballo”. Neste sentido, indicou que a Aula UNED-Senior que se vai poñer en marcha en Lousame “non é un aula da terceira idade, non é unha escola de adultos. É unha Universidade que se crea no rural, cunha formación regrada, pero que tamén busca dinamizar a zona”.
Neste sentido, durante a súa visita ás instalacións de Toxosoutos, o coordinador da UNED-Senior da Coruña indicou que “estamos interesados en colaborar dende a aula de Toxosoutos na recuperación do Camiño de Santiago dende a ría de Muros e Noia”.
Finalmente, a presidenta da asociación Máisdetres, Carme Freire Cruces, explicou que “no rural hai unha serie de potencialidades e recursos que precisaban dun paraugas como a UNED para que nos viñeran lembrar que os nosos saberes, tradicións, oficios e cultura merecen ser non só conservadas, senón recuperadas para toda a sociedade”.
Inscricións e cursos
A UNED-Senior de Lousame botará a andar na primeira semana de outubro e os alumnos e alumnas que o desexen, maiores de 55 anos, terán ocasión de inscribirse ata o 25 de outubro na Casa da Cultura do Concello de Lousame (981 825 780), a través da Asociación Máisdetres (686 783 800) ou a través da propia UNED (unedseniorxestoso@hotmail.es). A aula de Toxosoutos ofrecerá cursos regrados e aprobados pola UNED, de xeito que cada unha das materias terá o valor de 3 créditos.
Todos os alumnos recibirán un Certificado de Participación por cada un dos cursos académicos que superen. No caso de superar dez materias e conseguir 30 créditos, o alumno recibirá un Diploma no que se especificarán as materias e contidos cursados. Ademais, se o alumno o completa coa realización dun traballo final, conseguirá o título de “Sénior Superior”, propio da UNED.
O Concello de Lousame presentoulle hoxe a súa proposta de cursos para comezar en outubro á UNED, todos eles relacionados coa posta en valor do sector primario no municipio: desenvolvemento agrícola, gandeiro, forestal e rural. Uns cursos que serán dados a coñecer unha vez que sexan validados pola UNED.
Albergue de Toxosoutos
As clases terán lugar no albergue de Toxosoutos, que o Concello de Lousame porá a disposición da UNED e da asociación Maisdetres. Así mesmo, o Concello tamén ofrecerá os terreos de cultivo anexos ás construcións existentes en Toxosoutos, para que poidan ser empregados para impartir docencia práctica, con proxectos como a creación dun banco de sementes.
Pola súa banda, a asociación Maisdetres encargarase do mantemento das instalacións e dos terreos do albergue de Toxosoutos, así como da súa limpeza, seguridade, apertura e peche. Así mesmo, a asociación coordinará e desenvolverá o programa UNED-Senior que se imparta en Lousame, previa aceptación do programa pola UNED-Coruña.
Tras a visita realizada esta mañá, os responsables da UNED-Coruña quedaron gratamente sorprendido coas instalacións de Toxosoutos e coas posibilidades que ofrecen. “Unhas instalacións como estas serían ideais para albergar algún dos cursos de verán que organizamos e, polo seu enclave natural, tamén podería ser sé dalgún seminario relacionado co Camiño de Santiago”, exemplificou o coordinador da UNED-Senior da Coruña, Luís Ángel Rodríguez Patiño.











