A terminal Ro-Ro do Porto de Vigo repite a escala simultánea de catro buques

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVigo
A-
A+

Só pasaron dous días desde a cuádrupla escala vivida o pasado venres na Terminal Ro-Ro do Porto de Vigo e hoxe, luns, outros catro buques volven a deixar unha estampa de actividade frenética en Bouzas. Tanto é así que, ao longo da xornada de hoxe, moveranse máis de 2.400 vehículos e un centenar de remolques e semirremolques.

Como xa vén sendo habitual, a gran maioría -algo máis de 2.200 coches- serán embarcados en Vigo para pór rumbo a Casabranca, Saint Nazaire, Túnez, Italia e Turquía. O resto, pouco máis de 200, serán desembarcados na dársena viguesa. En canto aos remolques e semirremolques, unha vintena deles serán exportados, mentres que os 80 restantes, chegarán a Vigo a bordo dun destes barcos.

A cuádrupla escala será protagonizada polo ‘Galicia’ e o ‘L’Audace’, consignados por Vapores Suardíaz, e o ‘Neptune Hellas’ e o ‘Sea Amazon’, de Bergé Marítima. 

Procedente de Zeebrugge, o ‘Galicia’ desembarcará en Vigo 200 vehículos, tras o que cargará outros 300 con destino Casabranca. Permanecerá atracado en Bouzas até o final da operativa, prevista para as 18.00 horas. 

Do mesmo xeito, o ‘L’Audace’, que cobre a ruta Vigo-Saint Nazaire, descargará 80 semirremolques e embarcará outros 20, ademais de 800 vehículos, con destino a Francia. Traballará de 08.00 a 18.00 horas. 

Pola súa banda, o ‘Neptune Hellas’ descargará en Bouzas 5 vehículos procedentes de Málaga, tras o que embarcará 447 con destino a Tunes; mentres que o ‘Sea Amazon’ exportará 700 coches a Italia e Turquía. 

Dobre escala en Guixar

Pero non só haberá actividade en Bouzas. A Terminal de Colectores do Porto de Vigo acollerá unha dobre escala, que correrá a cargo do ‘Green Mountain’, operado por MACS, e o ‘Nexo Maersk’, de Davila. Entre os dous, moverán preto dun milleiro de TEUS -585 de importación e 398 de exportación-. 

O ‘Green Mountain’ atracou ás 08.00 horas de hoxe procedente de Sudáfrica e está previsto que, tras desembarcar 159 TEUS nos peiraos de Guixar, poña rumbo a Róterdan sobre as 12.30h. 

Pola súa banda, o ‘Nexo Maersk’ descargará en Vigo 426 colectores procedentes de Alxeciras, tras o que embarcará outros 398 con destino a Leixoes. Estará a traballar, con toda probabilidade, até mañá martes, ás 08.00 horas.

Do mesmo xeito, o Peirao do Arenal acollerá até mañá a operativa do ‘Lian Hua Song’. Consignado por Pérez & Cía, descargará en Vigo unha trintena de pas de 45 metros.

 

6 de xullo de 2015 | 19:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.