A terminal Ro-Ro do porto de Vigo acolle a escala de até seis buques
A Terminal Ro-Ro do Porto de Vigo vivirá hoxe venres unha xornada frenética, coa escala de até seis buques que moverán un total de 3.670 vehículos, ademais de 60 remolques. Trátase da ‘Coral Leader’, o ‘Neptune Odyssey’ e o ‘Viking Chance’, de Bergé Marítima, e o ‘L’Audace’, o ‘Mercury Ace’ e o ‘City of Oslo’, de Suardíaz.
Do total de vehículos movidos ao longo da xornada de hoxe, 2.800 serán embarcados en Vigo para pór rumbo a Bremenhaven, Casabranca, Mediterráneo, Nantes-Saint Nazaire, Zeebrugge e As Palmas. O resto -un total de 870 coches-, serán desembarcados na dársena viguesa.
Procedente de Turquía, o ‘Coral Leader’ desembarcará en Vigo 300 vehículos, tras o que cargará outros 800 con destino a Bremenhaven. Permanecerá atracado en Bouzas até o final da operativa, que arrincará ás 14.00 horas.
Do mesmo xeito, o ‘Neptune Odyssey’, que cobre a ruta Málaga-Casabranca, descargará 155 vehículos e embarcará outros 575, mentres que o ‘Viking Chance’ desembarcará 150 coches procedentes de Inglaterra e cargará 750 con rumbo ao Mediterráneo. Ambos os buques comezaron a traballar ás 08.00 horas.
Pola súa banda, o ‘L’Audace’ descargará en Bouzas 25 vehículos e 60 remolques procedentes de Nantes-Saint Nazaire, tras o que embarcará 275 con destino a Francia. Así mesmo, o ‘Mercury Ace’ descargará 240 coches procedentes de Sudáfrica, antes de pór rumbo a Zeebrugge. Tanto o ‘L’Audace’ como o ‘Mercury Ace’ comezaron a súa operativa ás 08.00 horas.
Por último, o ‘City of Oslo’, procedente de Barcelona, exportará 400 coches ás Palmas. A súa operativa arrincará, con total probabilidade, ás 20.00 horas.











