A Sociedade Ximnástica celebra o Trofeo en Memoria do Celso Mariño
Coa vista posta no próximo Campionato de Galicia Absoluto, a Sociedade Ximnástica, co patrocinio de Supermercados Froiz, organiza o Trofeo Cidade de Pontevedra, Memorial Celso Mariño; no que veremos en liza aos atletas que están a preparar a súa competición en Monterrey.
Ás sete da tarde comezará a competición, nas pistas de atletismo do CGTD de Pontevedra e con acceso gratuíto, cos concursos de salto con pértega, tanto para homes como para mulleres, o salto de lonxitude feminino e o lanzamento de peso masculino; ás oito, iníciase o lanzamento de xavelina feminino e as carreiras de 300 metros cadete e 15 minutos máis tarde o salto de lonxitude masculino.
Ás oito e vinte será a quenda para o dobre hectómetro, primeiro as mulleres e despois os homes; ás nove menos cuarto darase a saída para os 3.000 metros masculinos. Os 400 metros femininos, ás nove e cinco e o 4×100 masculino ás nove e vinte; pecharán o programa de probas.











