A Sociedade Ximnástica asina unha obra de arte no nacional Júnior con tres medallas

Darío Costas
Darío Costa subiu ao alto do podio no Campionato de España Júnior que se disputou en Valladolid. O atleta pontevedrés gañou un ouro ao sprint no Decatlon, separado por tan só 3 puntos da medalla de prata; unha vitoria desde logo moi apertada, que nos puxo o corazón nun vilo até o momento de coñecerse os resultados finais.
O pupilo de Santi Ferrer, con 10.91 na primeira proba da combinada, os 100 metros, colleu o primeiro posto da competición, lugar que non abandonaría até o final da novena proba, o lanzamento de xavelina, disciplina na que cedía 27 puntos na clasificación provisional ao atleta do Deportivo Eibar, Tomás Vouilloz. As contas dicían que era necesario distanciar nos 1.500 metros, uns 5 segundos para igualarse co atleta vasco e Darío púxose a iso, tivo que apertar moito na última volta e aos poucos foi cobrando vantaxe, para parar o crono en 4.41.81, por 4.46.65 do seu rival; unha diferenza de 4,84 segundos, que lle deron unha marxe de 30 puntos na última proba do Decatlon, a vitoria e con 6.545 puntos un novo record de Galicia na categoría.
Para a Sociedade Ximnástica, un ouro sería un resultado magnífico pero conseguíronse dúas medallas máis, coloquialmente falando, a repera. Manuel Castellanos tivo que facer marca persoal no lanzamento de xavelina, con 64,20 no seu segundo intento; para gañar a medalla de bronce e Sergio Paredes, tívoo máis fácil no lanzamento de martelo, xa que con 60,34; distanciou en máis de 6 metros ao terceiro clasificado, colgándose a presea de prata.
A estas tres medallas, un ouro, unha prata e un bronce, hai que sumar o cuarto posto de Jorge Puig na final dos 1.500 metros, que para nada sabe a decepción; favoreceulle a carreira lenta que expuxeron o resto dos seus rivais e saíu ao sprint na recta final, desde o sexto posto ata o cuarto lugar e a 15 centésimas da medalla de bronce.
O resto da participación pontevedresa, aínda que non chegou a un posto de finalista, para nada foi un mal resultado; Ricardo Gaya lesionouse no quecemento do triplo salto e de todas as maneiras tentouno pero a perna díxolle basta; Jon Alonso non se esperaba acudir a este Campionato, pero dúas semanas antes conseguiu a marca de cualificación e cumpriu na súa serie eliminatoria; por último Alfonso Pérez, non estivo á altura da tempada pasada nos 400 metros e non superou a criba das eliminatorias; esperamos que o próximo ano continúe a súa progresión.
En cinco días a Ximnástica volverá a Valladolid para o nacional Cadete.











