publicidade hoxe

A Rede Xiana 2 ofrece en San Sadurniño un curso de 800 horas de Horticultura e Floricultura

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

O proxecto Rede Xiana 2 iniciouse hai tres anos para favorecer a inserción laboral de persoas desempregadas a través de itinerarios formativos que comprenden materias específicas, outras transversais e prácticas profesionais non laborais. Trátase dunha iniciativa cofinanciada pola Deputación da Coruña e o Fondo Social Europeo na que participa San Sadurniño xunto con outros concellos da zona. O próximo curso enmarcado no proxecto versará sobre Horticultura e Floricultura e comezará en Cerdido en agosto. Serán 800 horas, hai 18 prazas dispoñibles e as inscricións deberán facerse presencialmente nas oficinas de Servizos sociais do Concello. Haberá que presentar copia do DNI -ou NIE-, copia da tarxeta de demandante de emprego actualizada, certificado ou volante de empadroamento, informe de vida laboral emitido neste mes de xullo e a ficha de inscrición, que será cuberta no momento pola responsable municipal do proxecto.

Os obxectivos deste curso son os de proporcionar a información, formación e experiencia profesional necesaria para realizar distintas operacións asociadas a unha explotación de horta ou de flor cortada. De feito o programa tócao practicamente todo: instalación, mantemento, produción, colleita, sanidade vexetal, manexo de aparellos e máquinas, boas prácticas agrícolas, rendibilidade económica, normativa ambiental, calidade, seguridade alimentaria e prevención de riscos laborais. 

Máis en concreto o curso facilitará coñecementos sobre catro grandes áreas de traballo:

-Preparación do terreo, sementeira e/ou transplante en cultivos hortícolas e de flor:preparación do chan de cultivo e condicións climáticas. Técnicas de sementado e transplante.
-Operacións culturais e recolección: laboreo da terra, rega e fertilización, colleita, almacenamento e transporte, mantemento e manexo de invernadoiros.
-Control fitosanitario: determinación do estado de saúde das plantas e as condicións sanitarias do chan e das plantas para adoptar medidas axeitadas.
-Mecanización e instalacións agrarias: as infraestruturas necesarias para cada tipo de cultivo, como acondicionalas, a limpeza e desinfección que precisan, a maquinaria e o seu mantemento, etc.

Para adquirir todos estes coñecementos marcouse un programa de 600 horas teóricas que se impartirán na Casa da Cultura do Concello de Cerdido entre o 3 de agosto e o 30 de decembro. Trala teoría o curso completarase con 200 horas prácticas profesionais non laborais durante un periodo que vai depender do plan de traballo acordado coa empresa en que se van desenvolver esas prácticas.

En calquera caso, quen teña interese nesta oportunidade formativa con posibilidades de posterior saída laboral debe ter en conta varias cuestións. A primeira é que o curso non está homologado pola Xunta e que, polo tanto, non leva asociado certificado de profesionalidade. Malia isto, os requisitos formativos para entrar no curso serán os mesmos que para acceder á formación de obtención dun certificado de profesionalidade de nivel 2. Tamén cómpre ter en conta que as 18 prazas ofertadas son para o total dos concellos da comarca participantes na Rede Xiana 2.

A data límite para apuntarse acudindo ás oficinas de Servizos sociais do Concello é o 24 de xullo. Repasemos a documentación que cómpre levar:

-Fotocopia de DNI ou do NIE no seu caso
-Fotocopia da tarxeta de demandante de emprego debidamente actualizada
-Certificado ou volante de empadroamento
-Informe de Vida Laboral actualizado (emitido no mes no que se realice a inscrición)
-Ficha de inscrición, que será cuberta pola responsable municipal do proxecto no momento de apuntarse.

15 de xullo de 2015 | 18:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.