A programación de verán de Redondela arranca o venres 3 de xullo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRedondela
A-
A+

A Concellaría de Cultura anuncia o inicio da programación cultural de verán, que se desenvolverá maiormente na praza da Casa da Torre de Redondela e na Alameda de Chapela, con espectáculos en exterior e acceso libre. O venres 3 de xullo, a praza da Casa da Torre acollerá, ás 21.00 h, un concerto de música e baile tradicional, no que participarán o grupo de Gaitas Tirapuxa de Trasmañó, o de Baile tradicional de Saxamonde, as Pandeireteiras de Cidadelle e as Pandeireteiras de Cabeiro, todos eles colaboradores do convenio interparroquial subscrito entre a Concellaría de Cultura e as asociacións culturais. 

O sábado 4 de xullo, ás 22.00 h, na praza da Casa da Torre haberá un concerto da Orquestra Gharbo, que se inclúe na programación de Cultura no Camiño a través da AGADIC. 

Este proxecto musical frutificou o ano pasado na edición dun disco que leva o mesmo nome, financiado a través dunha campaña de crowfunding, que naceu da creatividade do polifacético artista Nelson Quinteiro, e dunha banda de excelentes músicos profesionais. Inclúe música tradicional galega con influencias de músicas de todo o mundo, na que se mesturan pandeiretas e gaitas con serrucho, zendrum, pedais loops, piano, delay, saxo, traveseira, guitarras e percusións diversas, complementadas con polifonías nas que interveñen, ademais da persoal voz de Quinteiro, Silvia Penide, María López ou Xandre Outeiro. 

A música que executan parte do tradicional e popular pero vai tocando distintos paus dende o pop ao bravú, con arranxos de música mediterránea, tango ou música trobadoresca. 

A banda que acompañará a Nelson Quinteiro neste concerto está integrada por Álex Lorenzo (guitarras), Olivier Cano (saxos e traveseira), Brais González (piano), Eduards Vecbastiks (violín) e Blas Castañer (percusión). Ademais, como é habitual nos espectáculos da Orquestra Gharbo, inclúen sempre algún número de danza, que nesta ocasión correrá a cargo da bailarina-performance Alba Fernández Troiteiro. 

E o domingo 5 de xullo, a Alameda de Chapela acollerá, ás 21.00 h, o concerto do grupo de música popular Airiños do Mar de Teis, unha formación da veciña parroquia de Teis formada por 14 persoas entre músicos e cantores, que interpretan un repertorio popular adaptado ao formato de rondalla, con guitarras, laúdes, acordeóns e polifonía vocal.

2 de xullo de 2015 | 18:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.