A Praia da Cabana non é apta para o baño por contaminación microbiolóxica
A praia da Cabana non é apta para o baño, debido a contaminación microbiolóxica, segundo recolle a última análise de augas realizada e comunicada na xornada de hoxe ao Concello de Ferrol pola Xunta de Galicia. Na análise atopáronse máis de 1500 NMP en 100 ml. de Escherichia Coli, uns niveis de microorganismos que supoñen un risco para os bañistas, polo que esta praia permanecerá pechada ao baño temporalmente, ata que se reduzan estes valores e quede constatado en novas análises.
Para informar aos cidadáns, o Concello colocará un cartel que indique esta restricción.
Así mesmo, dende o Concello se lembra que se mantén tamén pechada ao baño, por contaminación microbiolóxica, a praia de Caranza, na que xa se indica esta cuestión en carteis situados no propio areal. Ademáis, nesta praia ondea a bandeira vermella como indicativo tamén da prohibición ao baño.











