A Policía Nacional reforza medios en Vilagarcía para a festa da auga e tráfico realizará controis de alcohol e drogas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

A Xunta Local de Seguridade do Concello de Vilagarcía celebrada hoxe na sede da Subdelegación do Goberno en Pontevedra para definir o dispositivo de seguridade durante as festas patronais de San Roque acordou reforzar a presenza dos corpos de seguridade estatais para garantir o normal desenvolvemento das celebracións máis multitudinarias. A Policía Nacional desprazará a Vilagarcía unidades doutras comisarías para o operativo da festa da Auga e a Garda Civil colaborará coa Policía Local na realización de controis de alcoholemia e drogas.

A reunión da Xunta Local de Seguridade estivo presidida polo Subdelegado do Goberno, Antonio Coello, e o Concello estivo representado polo concelleiro de Seguridade, Juan Antonio Pérez Callón. Por parte municipal asistiron ao encontro, o oficial ao mando da Policía Local e o xefe do servizo Municipal de Emerxencias, mentres que por parte do Corpo Nacional da Policía asistiron o Comisario Provincial e o Inspector Xefe de Vilagarcía.

O goberno de Vilagarcía solicitiou á Subdelegación o reforzo de Policía Nacional e Autonómica para as dúas fins de semana das festas patronais. En principio, a Subdelegación comprometeu o envío de varias unidades do Corpo Nacional de Policía para a fin de semana que se prevé máis problemática, a do 15 e 16 de agosto, para garantir a seguridade durante a madrgada previa á Festa da Auga e no transcurso desta multitudinaria celebración.
Dado que este ano recae en domingo, prevese unha afluencia aínda maior que nos últimos anos, polo que o Concello tamén solicitou a presenza da Policía Autonómica para colaborar nas labores. Como os responsables do Corpo autonómico non foron convocados pola Subdelegación á Xunta Local de Seguridade, o Concello xestionará a petición directamente ante a Xunta de Galicia.

O que sí se comprometeu a xestionar o subdelegado, posto que tampouco se convocou á representantes da Garda Civil, foi a solicitar medios para a realización de controis de alcohol e drogas aos condutores durante as fins de semana das festas, especialmente os do 14, 15 e 16 de agosto.

Pola súa banda, a Axencia Galega de Seguridade confirmou que Vilagarcía disporá un ano máis do Posto de Mando Avanzado para o operativo dev Seguridade do Combate Naval, estando pendente de coñecer a dispoñibilidade desta unidade móbil para a Festa da Auga, tal como solicitou o Concello.

Os operativos de seguridade específicos para a Festa da Auga e o Combate Naval acabaranse de pechar nas xuntanzas a celebrar nas vindeiras semanas a nivel local e nas que están representados todos os corpos de seguridade, emerxencias, protección civil, capitanía, e 112.

Por outro lado, e dado que a reunión de hoxe, tiña como único punto da orde día o operativo de seguridade das festas, Pérez Callón trasladoulle a Coello a petición do alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, de celebrar un encontro específico para abordar a problemática do escaso de plantel na Comisaría da Policía Nacional en Vilagarcía

29 de xullo de 2015 | 17:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.