A Policía Local de Lalín vixiará o acceso de vehículos ás rúas peonalizadas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalín
A-
A+

O alcalde de Lalín, Rafael Cuíña vén de dar instrucións para que a policía local controle de forma rigorosa o acceso de vehículos ás rúas que están cortadas ao tráfico durante as fins de semana. Nestes intres, o concello impide o acceso de automóbiles á rúa Rosalía de Castro dende os venres pola tarde ata a última hora do domingo co obxectivo de impulsar a reactivación económica e social da zona.

Malia que o concello colocou en días pasados elementos ornamentais para impedir o paso de vehículos, hai constancia de que algúns condutores se están a saltar as restricións. Este tipo de vulneracións provoca que, en algúns casos, se xeren situacións que poden poñer en risco a seguridade dos clientes das terrazas da rúa e dos propios peóns, moitos deles nenas e nenos que aproveitan para xogar na calzada. 

Para evitar que se repitan estes problemas, a policía local vixiará de forma estrita que se cumpran as restricións de acceso para coches en todas as rúas peonís. O goberno municipal ten intención de estender a experiencia da rúa Rosalía de Castro a outras partes do centro urbano durante a vindeira fin de semana, como a rúa B, no treito onde se sitúan os locais de ocio nocturno. 

6 de xullo de 2015 | 18:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.