publicidade hoxe

A Plataforma Sarriana polo Río quere felicitar ós sarriaos polo seu esforzo para que a Ponte da rúa Calvo Sotelo continúe aí

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSarria
A-
A+

A Plataforma Sarriana polo Río quere felicitar ós sarriaos xa que grazas ó seu esforzo a Ponte da rúa Calvo Sotelo, a nosa vella Ponte de Ferro, segue a estar aí, erguida e firme coma hai máis de cen anos. Dicían que no mes de abril iamos ver como caía, que Sarria ía estar partida en dúas, pero as 562 alegacións ó modificado do proxecto de encanamento, a concentración de marzo, os miles de veciños que sen pensalo dúas veces nos botamos á rúa ó longo deste máis de ano e medio conseguiron que a ponte siga aí. E fomos quen de facelo en contra do desexo da maioría dos políticos que só vían no derrubamento da ponte unha obra que lles podía dar réditos electorais. E grazas ós veciños e a pesares da administración que miraba para outro lado, aí segue a Ponte Ribeira. A nosa ponte de orixe medieval está ferida pero non de morte. A xustiza está a protexer o que tiñan que ter protexido o noso Concello e a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia. Son moitos os inconvintes para veciños e peregrinos por ter a ponte cortada, pero é o único xeito de protexela, mentres os políticos non cambien o seu proxecto sobre ela e xa vai sendo tempo delo. Tamén segue aí a Illa do Toleiro, emblema da loita veciñal, o ameneiral atlántico do río Sarria e a presa. E non só seguen aí, senón que os sarriaos, coa ocupación da illa e a loita na rúa, fomos quen de facerlles ver ós políticos o valor que ten, a súa beleza e as súas posibilidades. Agora puxéronse a recuperala en vez de eliminala e temos un novo espazo verde en Sarria para gozar nas horas de lecer.

O novo equipo de goberno do Concello de Sarria ven de convocar ós veciños a unha reunión para tratar as obras de encanamento do río Sarria. A Plataforma celebra este cambio nas formas, no xeito de actuar dos nosos gobernantes. A Plataforma Sarriana polo Río considera que é o momento dos veciños, que teñen unha oportunidade de falar e de ser escoitados. A Plataforma participará nesa reunión e respectará ese dereito. A Plataforma acudirá a esa reunión e tamén escoitará ós veciños; as súas inquedanzas e os problemas que as obras lles causan, as súas queixas e os seus desexos. Noraboa ós 7.800 que coa súa sinatura e mollándose polo río de moitos diferentes xeitos están a salvar as pontes que nos unen e que xa salvaron o ecosistema do ameneiral atlántico do río Sarria da agresión da CHMS e demais administracións implicadas. 

1 de xullo de 2015 | 12:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.