A Patrulla Verde da Policía Local de Lugo presentou dúas denuncias por infraccións no Camiño de Santiago
Denunciou a J.P.C. por instalación de carteis publicitarios no Camiño Primitivo, danos á sinalización e modificación do seu itinerario, na parroquia de Bascuas.
Os feitos denunciados son os seguintes:
– Instalar un valo publicitario metálico dunhas medidas aproximadas de 1,60 metros de alto por 2 metros de ancho, sobre postes metálicos, nun fito quilométrico de sinalización do Camiño de Santiago.
– Causar danos ó fito quilométrico de sinalización do Camiño de Santiago, ó quitarlle o azulexo co distintivo de sinalización do camiño, así como a chapa indicadora do punto quilométrico.
– Instalar sinalización similar á empregada no Camiño de Santiago, no trazado desviado do camiño orixinal.
– Instalar carteis de publicidade nun colector de lixo.
– Exercer actividade de salón de xogos recreativos e instalación de máquinas de “vending”, coa instalación eléctrica conectada de modo precario co inmoble colindante. Debería de ser revisada polos técnicos municipais.
– Ter unha finca privada, na cal se permite a acampada libre.
– Instalar dous mastros con tres letreiros con publicidade do salón recreativo e das máquinas expendedoras noutro fito quilométrico do Camiño de Santiago e outro nunha árbore próxima.
Este expediente será trasladado a Patrimonio da Xunta, dado que os feitos denunciados afectan ao Camiño de Santiago.
Por outra banda, denunciou a C.R.R e M.S.C. por exercer actividade sen licencia municipal en zona de protección do Camiño de Santiago, na parroquia de Gondar.
Feitos denunciados:
– Exercer actividade de venda de productos de alimentación por medio de máquinas de vending.
– Ten instaladas dúas máquinas de bebidas e productos de alimentación refrixerados, así como unha terceira máquina de bebidas quentes.
– Ten instalados dous fornos, un deles convencional e o outro microondas.
– Ten instalada unha encimera de granito, cinco mesas e trece cadeiras, así como un banco de pedra, a modo de salón.
– Ten instaladas tres cámaras de vídeo-vixianza no interior do local.











