A nova presidenta da Deputación de Pontevedra pon en valor o servizo do ORAL na súa primeira visita ó centro
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, considerou o ORAL un servizo fundamental dos que presta a entidade provincial. Silva fixo hoxe a súa primeira visita a este servizo, no que coñeceu de primeira man as instalacións e os funcionarios da xestión tributaria e catastral.
Carmela Silva recoñeceu que para a xestión tributaria “moitos concellos teñen serias dificultades pola súa complicación e que as deputacións teñen as competencias para prestarlles este servizo a estes concellos en todo o país e, por suposto, na provincia de Pontevedra”.
A presidenta da institución provincial sinalou que o seu obxectivo é coñecer todos os servizos “e saudar persoalmente a todos os funcionarios”. “Paréceme triste –continuou Silva– que os traballadores públicos coñezan os políticos só polos medios de comunicación e pretendo con estas visitas coñecer tamén as súas ideas e plantexamentos porque son eles os que coñecen en primeira persoa as demandas dos cidadáns”.
Carmela Silva non quixo adiantar ós medios ningún aspecto do Pleno que terá lugar maña no Pazo provincial, aínda que sinalou que se trata do pleno de organización no que se aprobarán as normas de traballo da corporación e se establecerán os medios para o desenvolvemento do traballo dos distintos grupos, “no que nós entendemos que a oposición tamén ten que contar con suficientes recursos para desenvolver o seu traballo”, concluíu Silva.
Por último, a Presidenta da Deputación afirmou que as políticas de emprego, como xa adiantara no discurso de investidura, ían ser “unha obsesión”.











