A nova ordenanza do servizo de taxi entrará en vigor a finais de verán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

O Pleno da Corporación Municipal da Laracha acordou hoxe en sesión extraordinaria de xeito unánime a aprobación con carácter inicial da nova ordenanza reguladora do servizo de taxis, unha normativa municipal que estará adaptada á Lei galega de transporte público de persoas en vehículo de turismo e cuxo texto foi consensuado polo goberno local cos profesionais do sector en diversas reunións mantidas nos últimos meses.

Entre as novidades que implicará establécese a obrigatoriedade de instalación e uso do taxímetro, as novas tarifas a aplicar e un renovado sistema de gardas obrigatorias para todos os titulares de licencias de taxi.

O alcalde, José Manuel López Varela, adiantou que o texto xa foi remitido á Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia para que, de ser o caso, emita o preceptivo informe favorable. A previsión é que o procedemento administrativo estea completado a finais do verán, momento no que a ordenanza entraría en vigor.

Ademais, acordouse cos votos favorables do grupo de goberno (PP), o grupo dos socialistas e o edil de Terra Galega e coa única abstención do grupo do BNG a aprobación dun suplemento de crédito por un importe total de seis mil euros que permitirá conceder doce subvencións nominativas (cincocentos euros cada unha) a cada un dos titulares de licenza municipal de taxi precisamente para cofinanciar en torno ao cincuenta por cento do custe da instalación do taxímetro.

Por outra parte tamén foi aprobada (neste caso coas abstencións do grupos do BNG e do PSOE) a transferencia de crédito 03/2015 coa que se reforzará en 72.000 euros a aplicación orzamentaria destinada a investimentos, melloras e mantementos na rede viaria municipal, con actuacións previstas que afectarán tanto aos cascos urbanos como ás parroquias.

López Varela explicou que tanto o suplemento de crédito co que se subvencionará a instalación dos taxímetros como a transferencia de crédito para actuacións de investimento financiaranse coa consignación inicialmente prevista nos orzamentos para a adquisición dos terreos que albergan o Castro de Montesclaros e o menhir de Erboedo co obxectivo de poñelos en valor. Esta iniciativa do goberno local mantense vixente e contemplarase nos presupostos do próximo exercicio, pero non será materialmente posible realizala en 2015 dado que antes do inicio dos correspondentes expedientes de expropiación requírese da aprobación do Plan Especial de Patrimonio Cultural actualmente en fase de tramitación e pendente dos preceptivos informes sectoriais dos diferentes organismos.

Subvencións nominativas ás Comisións de Festas 

A base de execución número 20 do Orzamento Xeral municipal inclúe o crédito para a convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a entidades para a celebración de festas populares. Non obstante, e ao existir unha única Comisión de Festas por cada parroquia –e que en moitos casos varía de persoas cada ano-, o goberno local considera máis cómodo e eficaz conceder ditas axudas económicas directamente por medio de subvencións nominativas, polo que proporá ao Pleno a aprobación da modificación desas bases. Esta cuestión foi votada a favor polo PP, PSOE e Tega, absténdose o grupo do BNG. 

En total o Concello da Laracha destinará 25.950 euros ao apoio económico directo ás Comisións de Festas para o desenvolvemento dos seus programas en cada unha das parroquias ao longo dos próximos meses, ademais da colaboración organizativa que se lles prestará en todo momento. 

O alcalde explicou que a contía da subvención municipal a cada parroquia responde a criterios de poboación e de xornadas nas que se programen eventos festivos. 

Novo convenio da rede de Oficinas Integradas 

Por último, aprobouse por unanimidade a adhesión do Concello da Laracha ao novo convenio marco entre a Administración Xeral do Estado e a Xunta de Galicia que ten por finalidade mellorar e dar continuidade á rede de Oficinas Integradas de atención ao cidadán no ámbito territorial de Galicia.

A principal novidade será que o rexistro do Concello admitirá escritos e comunicacións que se dirixan aos órganos da Administración das Deputacións provinciais e ás outras entidades locais adheridas.

1 de xullo de 2015 | 19:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.