A Mesa Provincial de Comercio Local aproba os proxectos de dinamización comercial de tres entidades da provincia

Reunión da Mesa Provincial do Comercio Local
A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, participou hoxe nunha nova reunión da Mesa Provincial de Comercio Local da Coruña, que agrupa a administracións públicas, asociacións de comerciantes e consumidores e representantes dos distintos concellos. Tamén estiveron presentes os deputados provinciais Antonio Cañás e Begoña Freire, a presidenta da Asociación Galega de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios “Brétema”, Rosa Otero, o presidente da Federación Galega de Comercio, Miguel Agromayor, e o xefe de sección de Promoción Económica e Emprego da Deputación Provincial da Coruña, Rafael Díaz-Aguado.
Neste encontro, supervisáronse tres proxectos presentados por varias asociacións comerciais con competencias na provincia, trámite necesario para que poidan concorrer ás ordes de axudas convocadas polo Goberno autonómico. Por unha banda, o Gremio de Xoieiros, Prateiros e Reloxeiros da Coruña, introduciu un proxecto para financiar a promoción das vendas en todos os establecementos comerciais asociados. Pola súa parte, a Federación Galega de Comercio expuxo unha proposta que ten como finalidade o financiamento dunha tenda online, un club de fidelización e os servizos xerais de asesoramento. Por último, a Federación de Empresarios de Barbanza amosou unha iniciativa co obxectivo de revitalizar o comercio de proximidade e a incentivación do consumo nas comarcas de Barbanza, Sar, Noia-Muros e Xallas,
Cumprimento da Lei de comercio interior de Galicia
A convocatoria da reunión da Mesa Provincial de Comercio Local faise en cumprimento da Lei de comercio interior de Galicia. Este órgano está pensado para fomentar o diálogo e a coordinación entre a administración, os comerciantes e os consumidores no deseño e execución das políticas comerciais que lles afectan. Neste senso, Do Campo subliñou que se está a traballar para “impulsar a colaboración entre os membros do sector para a optimización dos recursos”. Con esta norma, indicou, está a disposición dos comerciantes unha serie de instrumentos que teñen como obxectivo a mellora e a modernización do comercio galego, así como a solución dos problemas que lles afectan.
Entre as ferramentas que recolle a lei están as chamadas mesas locais de comercio, entendidas como un lugar de encontro e un foro de debate, onde teñen voz e voto o comercio de proximidade, os consumidores e os propios concellos. A mesa provincial asume as funcións da administración local naqueles concellos que non contan cun mínimo de 20 comercios minoristas ou nos que non existe unha asociación local de comerciantes.
Funcións da Mesa Provincial do Comercio Local
Entre as tarefas que desenvolve a Mesa Provincial do Comercio Local están as de informar sobre as campañas de promoción que se desenvolven con fondos públicos, elaborar informes para a realización des feiras de oportunidades, actuar como órgano consultivo sobre todas as cuestións que afecten ao comercio retallista ou ser oída na elaboración de plans de tráfico e de ordenación urbana dos concellos integrantes, entre outras. Tamén está a servir como plataforma para trasladar aos municipios representados as medidas, iniciativas e propostas en materia comercial.
En definitiva, trátase de contar cunha ferramenta eficaz para dotar de maior dinamismo, proxección e modernidade ao pequeno comercio, “máis aínda nun contexto de crise económica como o actual”, indicou a representante autonómica. “Pretendemos que o sector se decate de que a través da unión de todos os axentes se pode ser máis competitivo e chegar a negociar, por exemplo, créditos cos bancos, as tarifas da luz ou outros asuntos que poidan beneficiar a súa actividade”, engadiu.











